A CIG de Vigo critica que os orzamentos municipais non van servir para responder ás necesidades da clase traballadora
O secretario comarcal aproveitou o Consello Social da cidade para reclamar unha reunión extraordinaria sobre a crise industrial
Infogauda / Vigo
A Unión Comarcal da CIG de Vigo trasladou hoxe no Consello Social a súa crítica a uns orzamentos municipais que non van servir para darlle resposta ás necesidades que ten a cidade, e especialmente a clase traballadora, para enfrontar a actual crise. O secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, aproveitou a ocasión para reiterar a solicitude dunha xuntanza extraordinaria do Consello Social para abordar a grave crise industrial da bisbarra, exemplificada na situación límite que atravesa o sector naval.
Gonçalves lembrou que esta solicitude foille trasladada ao alcalde “hai moitos meses”, polo que se preguntou “que máis ten que pasar para poñer en marcha unha resposta enérxica desde a cidade para defender o noso futuro industrial?”.
No que ten que ver cos orzamentos municipais, o máximo responsábel da CIG-Vigo fixo un repaso crítico a respecto de varios aspectos:
-A falla de participación na elaboración dos propios orzamentos, que fai que esta xuntanza sexa na práctica un paripé.
-A inercia que non atende o contexto de grave crise social, laboral e produtiva que atravesa a cidade.
-A necesidade de aumentar esforzos en políticas sociais e de emprego por parte do Concello.
-A elevada inexecución dos orzamentos deste 2021, que fan que os presupostos corran o risco de ser papel mollado.
-A nefasta política de persoal do Concello: coas ofertas de emprego público pendentes desde 2017, e conflitos importantes en diferente servizos municipais (Bombeiros, Vitrasa, Servizo de Axuda no Fogar).
-A crecente privatización de servizos municipais, pola vía da xestión externalizada (como a xestión das instalación deportivas).
En resumo, para a Unión Comarcal da CIG de Vigo “esta proposta de orzamentos non vai dar resposta ás necesidades que ten a cidade, e especialmente a clase traballadora, para enfrontar a crise que padecemos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario