22 de nov. de 2021

VIGO

A CIG chama a participar na manifestación en  defensa do naval e chama a loitar polo futuro da comarca 

A marcha arrincará ás 19:00 horas, deste martes día 23 de novembro, da Dobrada, e rematará na delegación da Xunta, en Vigo 




Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria fan un chamamento a participar na  manifestación convocada en defensa do sector naval e polo futuro da comarca deste martes martes  23 de novembro. A marcha a pé arrincará dende A Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da  delegación da Xunta na cidade. 

 Na central sindical lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental na  comarca de Vigo; un sector que dende finais do século XIX, xeración tras xeración, empregou a  milleiros de persoas traballadoras “porque os estaleiros son verdadeiros polígonos industriais que  xeran postos de traballo e riqueza”. 

 Mais dende hai anos esta industria atravesa unha profunda crise que a fixo perder 5.900 empregos,  aos que hai que sumar os postos de traballo indirectos, que ascenden a máis de 17.000. Na  actualidade esta crise ameaza mesmo con facer desaparecer o sector, coa “agonía” de Vulcano, co  Porto de Vigo dándolle “a estocada final”; ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o  abandono de Barreras, tanto pola Administración central como pola autonómica, “relegando así a  Galiza como líder na construción naval do Estado español”. 

 Por iso na CIG consideran que as Administracións teñen que intervir decididamente como única  solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do  país. “Hai que poñer en marcha a Mesa do Naval da Ría de Vigo para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector”. 

Retorno ao sector público 

 Apostan por garantir a continuidade de Barreras como estaleiro punteiro a través do proceso de  retorno ao sector público. E no caso da antiga Vulcano, recuperar a actividade nas instalacións  mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval. 

 E reclaman a conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e  compañías transformadoras do metal na Ría de Vigo, con participación pública e privada, para  proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño, etc. 

 Así como a diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para  construír e garantir o financiamento para desenvolver os proxectos. “Ademais de afondar na  formación dos traballadores/as e na creación de condicións laborais dignas que garantan a  continuidade dos postos de traballo para recuperar os profesionais emigrados”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario