Tomiño presenta unha potente campaña contra a violencia de xénero, coa instalación de fotos na rúa e a proxección dun vídeo nas redes sociais
"O AMOR NON ATA, NON ATRAPA" é o lema das accións que incluyen tamén un acto con 150 estudantes de secundaria, teatro e varios obradoiros
Infogauda / Tomiño
"O amor non ata, non atrapa". Con este lema, o Concello de Tomiño realiza este ano unha potente campaña contra a violencia de xénero, que ten como reclamo principal a instalación de fotos na rúa e a proxección dun vídeo nas redes sociais e páxinas web do municipio.
A campaña, que comeza o luns 22 de novembro, é obra de Sergi Lorenzo (mozo fotógrafo e técnico audiovisual tomiñés afincado en Madrid), coa colaboración co Grupo de Voluntariado Local.
As fotos poderán mirarse en distintos puntos como marquesina de autobús do Seixo, mupis en parroquias e mercados de Tomiño e Goián.
Para completar a obra, o grupo de voluntarios e voluntarias de Tomiño colaborou co autor na edición dun video que será difundido na web municipal e redes sociais do Concello.
O día 25 ás 12.30h terá lugar o acto público na Praza do Seixo. 150 alumnos e alumnas do IES Antón.Alonso Ríos achegaranse á Praza so Seixo ás para mostrar a súa repulsa contra a violencia de xénero; lerán un manifesto e representarán unha regueifa feminista, ambos da súa creación. De seguido, polo Concello procederase á lectura da Declaración institucional que antes será presentada a todos os grupos políticos, e gardarase un minuto de silencio
Ás 13:00h no Mercado Municipal, haberá teatro, coa obra "Desalento", de Mónica Sueiro. Unha acción escénica sobre el maltrato psicolóxico. Sueiro, diplomada en maxisterio e licenciada en Psicopedagoxía, comezou a súa formación na Aula de Teatro Universitaria de Ourense con Sarabela Teatro. Na actualidade dirixe a Aula de Teatro de Baiona e o taller de interpretación da ONCE Vigo.
O día 27 , Jessica Rodíguez Piñero, mestra de primaria, nominada aos premios Educa ABanca como mellor docente de España, presentará dentro do Programa Medrando en Familia o seu primeiro álbum ilustrado infantil con temática social, "Peúgo, o calcetín melenudo", unha historia na que a través dunha personaxe como un calcetín cun furado analiza o tema da violencia de xénero, e a importancia do autoconcepto e da autoestima.
Por último, están programados os obradoiros Violencia de xénero no novo contexto dixital (IES Antón Alonso Ríos), que o Concello de Tomiño solicitou e obtivo da Secretaría Xeral da Igualdade no marco do convenio coa FEGAMP.
Dende o luns 22/11 estará colocada no Concello a pancarta contra a violencia machista, que este ano será común a distintos concellos da contorna, dentro da campaña: "O rural contra a violencia de xénero", da asociación de desenvolvemento "Eu Rural".
Ningún comentario:
Publicar un comentario