Maica Larriba destaca o importante despregue de medios cos que contará o Plan de Vialidade Invernal para as estradas de Pontevedra
· Este plan de emerxencias permanecerá activo ata abril
· A subdelegada do Goberno explicou que o obxecto do dispositivo é “dar seguridade aos usuarios e proporcionar a condución máis cómoda e fluída posible ante posibles condicións meteorolóxicas adversas”
· Entrarán en funcionamento 10 quitaneves, 1 retropala cargadora, 1 pala mixta, 12 depósitos de sal con capacidade para almacenar 1.975 toneladas e catro plantas de salmoira
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o acto de firma do Protocolo que activa na provincia o Plan de Vialidade Invernal na Rede de Estradas do Estado para a campaña 2021-2022. O obxectivo deste Plan é, en caso de condicións meteorolóxicas adversas, reducir en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, ou no seu caso, minimizar a súa duración.
Larriba destacou o importante despregue de medios humanos e técnicos cos que contará a provincia nesta campaña. En total, 10 camións quitaneves, 1 retropala cargadora, 1 pala mixta, 12 depósitos de sal con capacidade para almacenar 1.975 toneladas e catro plantas de salmoira.
A subdelegada explicou que, ademais das actuacións en caso de emerxencia, “está previsto visto efectuar tratamentos preventivos no firme en situacións de baixas temperaturas naqueles sectores de autovías, autoestradas e estradas convencionais afectadas”. Estes labores preventivos son vitais para evitar a formación de placas de xeo e garantir a seguridade nas estradas durante o inverno. Nos niveis máximos de emerxencia, se a situación o requirise, contémplase tamén a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias.
O protocolo establece ademais tres Postos de Mando Avanzado, un deles correspondente á zona meridional da provincia, situado nos Túneles do Folgoso e que atende especialmente aos portos de A Cañiza e Fontefría, o outro en Cerdedo-Cotobade, na zona central, que presta especial atención ao porto de O Paraño e outro en Lalín, que cubre a zona norte da provincia.
Este regulamento de actuación, segundo informou a subdelegada, “implica, como non podería ser doutro modo, a diferentes servizos e unidades da Administración, como son o departamento de Carreteiras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á Garda Civil, aos servizos de Proteción Civil da propia Subdelegación, á Dirección Xeral de Tráfico, ao subsector de tráfico da Garda Civil e a Comisaria Provincial da Policía Nacional”. Ademais, Larriba amosou a súa disposición a colaborar e cooperar con outras Administracións que non dispoñan dos medios necesarios para garantir a seguridade viaria ante fenómenos climatolóxicos adversos.
Plan de Vialidade
O obxecto deste protocolo é, tal e como sinalou Larriba, “dar seguridade aos usuarios e proporcionar a condución máis cómoda e fluída posible ante posibles condicións meteorolóxicas adversas”.
O documento especifica os procedementos de actuación e coordinación que se poñerán en marcha ante unha predición meteorolóxica adversa e durante o seu desenvolvemento, coa definición dos mecanismos particulares de cada fase da mesma: alerta, preemerxencia e emerxencia. Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións locais.
Ademais, o Plan determina os tramos de estradas que poden resultar máis conflitivos en caso de nevadas, os Postos de Mando Avanzados que se establecerán; as zonas para estacionamento de vehículos pesados e lixeiros, en casos de peche ou restricións de tráfico, e os Centros de Conservación e Explotación onde se sitúan as máquinas quitaneves e outros equipamentos.
O protocolo, que estará vixente de novembro a abril, poderase activar en calquera momento se as predicións ou condicións metereolóxícas así o aconsellan.
Asinantes do protocolo
A presentación do protocolo invernal realizouse este ano no Posto de Mando avanzado de Cerdedo-Cotobade, que da cobertura ao Porto de Paraño, na N-541.
Na firma do protocolo estiveron presentes representantes de todos os organismos implicados. Ademais da subdelegada do Goberno, asinaron o documento o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o capitán xefe accidental do subsector de Tráfico da Gardia Civil de Pontevedra, Diego Francisco Gil, o inspector xefe da Policía Nacional, Pablo Montesinos e o xefe da Unidade de Estradas do Estado, Pablo Domínguez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario