O Rosal conmemora o 25N cunha morea de actividades para continuar ‘Revolucionando mentes’
Xunto á concentración e lectura do manifesto o propio Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizará exposicións, charlas e accións de visibilización
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa co seu compromiso contra a violencia de xénero. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizará exposicións, charlas e diferentes accións de visibilización coas que concienciar e sensibilizar á veciñanza. Unha morea de actividades de carácter transversal “coas que seguir Revolucionando mentes e dar esa sacudida que ás veces é necesaria para que as persoas continúen evolucionando e avanzando, para visibilizar a lacra que supón a violencia machista dentro da nosa sociedade e remover conciencias para conseguir erradicala dunha vez por todas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Nese camiño cara a concienciación, o Concello abrirá o vindeiro luns 22 o primeiro punto morado do municipio na Biblioteca municipal. Trátase dun espazo de lectura e consulta no que se poderá topar material de carácter feminista dirixido tanto a público adulto como a nenos e nenas. Ademais, pintaranse de morado varios bancos que se colocarán en diferentes puntos do Rosal.
O mércores 24 o alumnado de educación primaria do CRA María Zambrano e do CPI Manuel Suárez Marquier comezarán coa preparación da exposición Gafas cons perspectiva de xénero, unha mostra que afondará “como se ve a vida con perspectiva de xénero, ofrecendo unha mirada crítica para descubrir as desigualdades entre homes e mulleres que sigue habendo hoxe en día”, salienta a concelleira de Igualdade, Sara Vicente.
O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración veciñal que terá lugar ás 20.00 horas na Praza do Calvario, na que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto antes da celebración do pleno.
Xa o martes 30 de novembro a traballadora social e coordinadora do Centro de Información á Muller da Guarda, Yolanda Villaverde, dará unha charla ao alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier.
Ademais destas actividades, o Concello acollerá durante os vindeiros días a exposición ‘Eu tomo partida contra a violencia de xénero’, que nesta edición contou coa colaboración de integrantes da Asociación Ecos do Folón. E durante estes días tamén se alumeará de cor morada o Concello e a Cámara Agraria e se difundirán nas redes sociais do Concello diferentes mensaxes contra a violencia de xénero.
Por outra banda, o Concello dispón de diferente cartelería para o comercio local ou establecementos de hostalaría que queiran sumarse á campaña En negro contra as violencias. Os comercios e establecementos interesados poderá solicitar e recoller xa o material na Casa do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario