19 de nov. de 2021

TOMIÑO

 Máis de 150 nenas e nenos piden ao Concello máis campañas de concienciación e formación sobre reciclaxe e cambio climático  

O pleno infantil celebrouse coa participación dos coles de infantil e primaria e tamén do IES Antón Alonso Ríos   


O pleno, no que que ademais de alumnado de infantil e primaria, tamén houbo representantes do IES Antón Alonso Ríos e do CRA Mestre Manuel Garcés, estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e Meli Rodríguez, en representación de Unicef Vigo

Fotos: C.T.

Participantes no pleno do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Tomiño, que tivo lugar hoxe no auditorio ao aire libre do Espazo Fortaleza (Goián)

Infogauda / Tomiño

 Máis campañas de concienciación sobre o cambio climático e obradoiros de formación en temas de reciclaxe, redución de plásticos, outros usos do monte, especies autóctonas, eliminación de plantas invasoras ou  hortas ecolóxicas, foron só algunhas das demandas e propostas realizadas polos máis de cen estudantes de 5º de primaria dos coles de Barrantes, Goián, Sobrada, Tebra e Pedro Caselles, no pleno do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Tomiño, que tivo lugar hoxe no auditorio ao aire libre do Espazo Fortaleza (Goián).  


A alcaldesa de Tomiño - an primeiro termo, á dereita da imaxe - nun momento da súa intervención na mañá de hoxe

 O tema tratado na sesión de carácter extraordinario que tiña como fin conmemorar a Semana e o Día Internacional da Infancia, foi “O Medio ambiente: propostas para que Tomiño sexa un concello máis sostible”.  

 O pleno, no que tamén houbo representantes do IES Antón Alonso Ríos e do CRA Mestre Manuel Garcés, estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e Meli Rodríguez, en representación de Unicef Vigo. As dúas agradeceron as numerosas propostas dos escolares, asegurando a alcaldesa que tomaría boa nota de moitas moi interesantes e cheas de sentido común, nas que o goberno local poríase a traballar de inmediato.  

 Meli Rodríguez, pola súa banda, foi a encargada de pechar o acto, salientando o nivel das propostas escoitadas e animando ao alumnado a comezar a traballar dende o individual para enfrontar o tema prioritario da emerxencia climática. “Cada un de nos pode coidar o medio con pequenas accións que son as que conseguirán cambiar o mundo”, afirmou a representante de Unicef Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario