19 de nov. de 2021

A GUARDA

A representación da CIG en Ganomagoga dona o recadado nun sorteo solidario á loita do persoal de IKF da fábrica das Cachadas 

Delegados da central sindical na empresa siderometalúrxica entregaron 160 euros aos traballadores/as que levan case 70 días de folga 


O acto de entrega tivo lugar este mediodía ás portas das instalacións de IKF nas Cachadas, onde os  empregados/as se reúnen a diario dende que dese comezo a folga indefinida

Fotos: CIG



Infogauda / A Guarda

 A representación da CIG en Ganomagoga, compañía do sector do siderometal con sede en  Ponteareas, doaron hoxe o diñeiro recadado nunha rifa solidaria que cada ano organizan na empresa á loita do persoal de IKF da fábrica das Cachadas (A Guarda). Deste xeito, delegados da central sindical entregáronlle 160 euros aos traballadores/as, que van camiño de cumprir 70 días de folga contra a dobre escala salarial e os intentos da dirección de precarizar as condicións laborais. 

 O acto de entrega tivo lugar este mediodía ás portas das instalacións de IKF nas Cachadas, onde os  empregados/as se reúnen a diario dende que dese comezo a folga indefinida. Foi o propio presidente do comité de IKF, José Luis Rodríguez, o que recibiu os cartos de mans dos delegados da CIG no comité de Ganomagoga, que posteriormente se concentraron xunto aos folguistas para trasladarlles  o seu apoio ás súas reivindicacións. 

 Dende a representación sindical da CIG en Ganomagoga (5 delegados/as de 8) explican que todos  os anos organizan un sorteo na empresa -normalmente dun xamón- para doar os cartos recadados a fins solidarios. Nesta ocasión decidiron cederllos aos traballadores/as en folga de IKF, que están a demostrar un compromiso inquebrantábel coa defensa dos seus dereitos laborais. 

 Pola súa banda, o presidente do comité de IKF agradeceu de parte dos seus compañeiros/as tanto a  doazón económica “como o que é máis importante, que é o seu apoio”. Rodríguez valorou un xesto  “digno de agradecer” e lamentou que en xeral haxa poucas iniciativas deste tipo. “Máis que os  cartos, que teñen un valor simbólico, queremos darlles as grazas sobre todo pola súa mostra de solidariedade”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario