15 de nov. de 2021

O ROSAL

O Rosal pon en valor o seu patrimonio natural e histórico con dúas visitas guiadas  

O Concello organiza dúas saídas xunto a profesionais para descubrir os petroglifos do municipio e desfrutar do ceo estrelado 

 

Petróglifo do Novello (O Rosal)
Foto: C.O. R.


Infogauda / O Rosal

  A axenda de outono do Concello do Rosal continúa a pór en valor o seu patrimonio. Durante o que queda de mes haberá dúas visitas guiadas para descubrir o patrimonio natural e histórico do municipio. A primeira será o día 19 novembro ás 21.00 horas cunha visita guiada aos xacementos petroglifos do concello coa arqueóloga Alia Vázquez, previamente haberá unha formación para coñecer as mellores ferramentas informáticas para o estudo deste tipo de xacementos no sur de Galicia. O 26 de novembro o Concello tamén organiza unha charla sobre arqueoloxía e astronomía ás 19.30 horas e unha saída para observar as estrelas ás 21.00 h xunto ao arqueólogo Benito Vilas.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza “a asistir a estas actividades”, e explica que todas serán “de balde e no centro social polivalente”. “Queremos que os rosaleiros e rosaleiras descubran os grandes tesouros do noso patrimonio histórico e tamén do noso ceo estrelado”, conclúe a rexedora.  

EXPOSICIÓN DE RAMON TRIGO E OBRADOIRO DE ADORNOS CASEIROS

 Durante a segunda quincena de novembro ás persoas que o desexen tamén poderán desfrutar da exposición do ilustrador, pintor e escultor Ramón Trigo no Salón de Exposicións do Concello ata o 20 de novembro de luns a venres de 18.00 a 21.00 horas e os sábados de 11.00 a 13.00 h.. 

 Tamén haberá un obradoiro de adornos caseiros o vindeiro día 19 de novembro ás 17.00 h no Espazo de Autoarranxo con inscrición previa no Concello.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario