22 de nov. de 2021

O PORRIÑO

O concello do Porriño acada un aforro enerxético do 64% a través dunha subvención do IDAE xestionada pola Deputación de Pontevedra 

As actuacións, cun orzamento próximo aos 90.000 euros, realizáronse en 216 puntos de luz da avenida Domingo Bueno, da rúa Antonio Palacios e do lugar de Eidos 


De esq. á der.: Lourdes Moure, concelleira de obras; Eva García, alcaldesa do Porriño; e Santos Héctor, deputado de Cooperación

Foto: D.PO.

Infogauda / O Porriño

 A veciñanza do Porriño desfruta xa de 216 novos puntos de luz que o concello instalou ao abeiro dunha subvención de 89.450 euros do IDAE, xestionada pola Deputación de Pontevedra. Con esta renovación da iluminación exterior O Porriño acada un aforro enerxético de preto do 64% en tres zonas do concello: a avenida Domingo Bueno, o rúa Antonio Palacios e o lugar de Eidos. Precisamente foi este último punto o que visitaron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, a alcaldesa do Porriño, Eva García, e a concelleira de obras do municipio, Lourdes Moure.  

 Máis polo miúdo, actuouse en 38 luminarias da avenida Domingo Bueno, en 45 do lugar de Eidos e en 133 da rúa Antonio Palacios que pasaron de ser de vapor de sodio a empregar tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Todas elas contan con sistema de regulación que permite reducir o fluxo luminoso nas horas de menor uso.  

 Con actuacións coma esta a Deputación de Pontevedra promove a consecución do ODS nº 7, que busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, fai un chamamento á sociedade e conciénciaa da necesidade de empregar recursos sostibles que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED.  

 Estas axudas europeas para a renovación de iluminación exterior foron xestionadas pola Deputación ante o IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, O Rosal, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña

Ningún comentario:

Publicar un comentario