A CIG mobilizarase este mércores 1 de decembro para que a clase traballadora non pague a saída da crise
Na defensa do emprego e da industria, por uns salarios e pensións dignas e pola derrogación das reformas
Infogauda / Galiza
A CIG desenvolverá mobilizacións en comarcas e vilas este mércores 1 de decembro porque os orzamentos do Estado e da Xunta confirman o que desde a central sindical se viña advertindo: que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin o Goberno español nin o galego están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos.
MOBILIZACIÓNS
• Vigo, 11:00h. saída da sede provincial do SEPE (rúa Canovas del Castillo).
• Pontevedra, 11:00h. saída do Edificio da Xunta (rúa María Victoria Moreno).
• Ferrol, 12:00h. saída da Tesourería do INSS.
• A Coruña, 11:30h saída do Edif Administrativo de Monelos (rúa Vicente Ferrer).
• Lugo, 11:00h saída do Edificio do INSS (Av. Madrid).
• Ourense, 10:30h saída da Subdelegación do Goberno.
• Verín, 12:00h Praza do Concello.
• O Barco, 12:00h Praza do Concello.
• Compostela, 12:00h desde o Pazo de Raxoi (Presidencia da Xunta).
Polo aumento dos salarios
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que a imparábel escalada da factura eléctrica “está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.
Entrementres, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.
Na defensa do emprego e da industria
O secretario xeral da CIG advirte que os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.
“O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de Norte a Sur, os nosos sectores produtivos”, afirma o secretario xeral da CIG.
Diante disto, nas concentracións demandarase tamén un verdadeiro Plan Galego de Recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.
Pola derrogación das reformas laborais
A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do goberno de coalición, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos NextGeneration, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.
Por unhas pensións dignas xa
Carril advirte tamén de que a reforma das pensións, en proceso de tramitación no Congreso, non só non derroga as de 2011, do PSOE, e 2013, do PP, senón que reafirma as daniñas medidas que “precisamente están a provocar que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren pensións de miseria”.
Unha reforma que introduce ademais novas medidas como o aumento das cotizacións, que agrava aínda máis as nefastas consecuencias das anteriores reformas. Unha situación “propiciada polos sindicatos estatais que participan en componendas co poder económico, no chamado diálogo social,desprestixiando a loita sindical; renunciando a dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social; validando as políticas dos gobernos e contribuíndo á desmobilización da clase traballadora galega”.
Por iso a CIG aposta pola mobilización por acumular “Forza para Avanzar” para dar unha resposta contundente a estes ataques e conquistar políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario