JOSÉ MANUEL LORENZO E MARÍA MARTÍNEZ, CONQUISTARON O VIII TRAIL DO TREGA
· Natalia Sierpes e Maxi Oubiña conseguiron os puntos necesarios para ser os vencedores da Pontevedra Trail League
Infogauda / A Guarda
Ambientazo nos xardíns e na contorna da Alameda nos prolegómenos do Trail do Trega que se celebrou na mañá de hoxe na vila de A Guarda.
Máis de 450 atletas tomaron parte na saída da que foi a última das probas da Pontevedra Trail League, tras as celebradas no Rosal e Tui, en datas anteriores.
15 km de percorrido cun desnivel de case 800 metros, para afrontar constantes subidas e baixadas desde un monte Santa Trega que presentaba un aspecto espectacular, coas augas do río Miño e do Océano Atlántico aos seus pés, e os milenarios poboados castrexos “observando” o paso dos participantes.
A carreira absoluta masculina estivo moi competida na primeira parte. Así, de saída, o portugués Carlos Silva marcou un forte ritmo con Óscar Guerra, Marcos Fernández e José Manuel Fernández, tratando de seguilo.
Sería a partir da metade de carreira, cando, o que ao final resultaría vencedor, o morracense José Manuel Lorenzo collería a cabeza, a cal xa non deixaría ata o final, entrando primeiro na liña de meta cun crono de 1:21:48. Tras el, o 2º sería Marcos Fernández, de Salvaterra de Miño, con 1:23:54, completando o podium o cambadés Óscar Guerra, nun final moi apertado e emocionante co propio Marcos e o rosaleiro José Manuel Fernández, que só podería finalizar 4º.
A categoría feminina tivo unha dominadora máis clara, coa porriñesa María Martínez comandando as operacións desde o arranque, e parando o crono na meta en 1:41:50. Tras ela, a viguesa Elena Rosell non viu perigar nunca ese segundo posto do caixón, finalizando con 1:43:26. A terceira praza, a máis de tres minutos, foi para Natalia Sierpes, de Baiona, con un tempo de 1:47:08.
Hoxe tamén era o día de saber quen se alzaba co triunfo na “xeral” da Pontevedra Trail League, sumando o cómputo de posicións en cada unha das competicións.
Así, Maxi Oubiña, de Cambados, e Natalia Sierpes, de Baiona, son os vencedores absolutos deste ano 2021.
Tamén se entregaron premios aos gañadores/as nas distintas categorías.
Punto e final a este ano da Pontevedra Trail League, que segundo dixera Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, nas distintas presentacións, vai ter a súa continuidade no 2022, coa intención de seguir sumando sedes ás tres desta edición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario