9 de nov. de 2021

A GUARDA

A asemblea de traballadores/as da fábrica de IKF, nas Cachadas, aposta por continuar coa folga até lograr un acordo que recolla as súas demandas 

O comité de empresa denuncia a pasividade da Xunta diante da  chantaxe e das presións por parte da transnacional francesa  


Traballadores/as da fábrica de IKF nas Cachadas nunha concentración na praza do Reló, fronte ao Concello de A Guarda

Fotos: CIG

Infogauda / A Guarda

 A asemblea de traballadores/as da fábrica de IKF nas Cachadas (A Guarda) decidiu onte continuar coa folga indefinida até lograr un  acordo que recolla as súas demandas, que pasan por manter os dereitos laborais adquiridos tras décadas de negociación colectiva. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, denuncian "a pasividade da Xunta diante da chantaxe e as presións da transnacional, que insiste en impoñer a  prolongación da dobre escala salarial que suporía diferencias de 5.200 euros anuais entre persoal que desenvolve as mesmas funcións."

 

Grupo de traballadores/as de IKF concentrados diante da fábrica das Cachadas
 

 Os empregados/as de IKF, que levan máis de 60 días de paros, apostan deste xeito por manter a súa  loita para forzar a dirección a dar marcha atrás na súa intención de precarizar as condicións laborais. “Queren cargarse o pacto de empresa que custou 40 anos conseguir; para nós é fundamental a  supervivencia da compañía, pero non a calquera precio; por iso a Xunta ten que volcarse na defensa  do emprego, pero teñen que ser postos de traballo dignos, non en condicións de pobreza e miseria”. 

 Así de contundentes se amosan dende a representación do cadro de persoal e dende a CIG-Construción a medida que pasan os días e o conflito de IKF ameaza con cronificarse como  consecuencia da desidia da Administración autonómica. “É incríbel que dende que os  traballadores/as foron ao Parlamento hai 15 días a conselleira de Traballo aínda non atopase un oco na súa axenda para manter unha xuntanza nin con eles/as nin coa empresa, unha das máis  importantes do Baixo Miño, unha zona cun grave problema de desindustrializaición”, lamentan. 

 Por iso inciden en que a pesar da inacción do Goberno galego, que ten plenas competencias en  materia indistrial, non van permitir “que unha transnacional coma esta, que factura máis de 3000  millóns de euros ao ano, veña a rematar cunha das poucas grandes empresas da comarca que  contaba con certos dereitos laborais”. E censuran que para conseguilo a dirección estea botando  man dunha campaña de “acoso e derribo” baseada na “chantaxe e nas presións”.  

 Lembran que o principal atranco da negociación segue a ser a intención da empresa de prolongar até 11 anos a dobre escala salarial que establece diferencias de 5.200 anuais para as mesmas categorías  laborais. A pesar de que polo de agora esta medida só afecta a tres empregados/as a práctica totalidade do cadro de persoal de produción está a secundar a folga e as mobilizacións en  solidariedade cos compañeiros/as e en defensa das súas condicións de traballo. 

 Neste senso, teñen moi claro que a intención última da empresa é ir desfacéndose dos operarios/as  que lles saen “máis caros/as” para ir contratando persoal con soldos máis baixos. “Pero os  afectados/as están dispostos/as a chegar a onde faga falta para evitalo”. Finalmente, lamentan tamén o papel que están a xogar os medios de comunicación públicos, “que seguen a ocultar o conflito a  pesar de tratarse dunha das principais empresas da bisbarra”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario