A CIG de Vigo celebrará o sábado a VIII Asemblea para escoller o secretario comarcal e renovar a executiva
Infogauda / Vigo
Despois da realización, o pasado 9 de outubro, do VIII Congreso Confederal da CIG, o Centro Veciñal e Cultural de Valadares acollerá este sábado 23 a partir das 9:00 horas a VIII Asemblea Comarcal do sindicato na bisbarra de Vigo, no que se escollerá secretario comarcal e se renovará a Executiva.
Unha cita que, baixo o lema 'Sen loita non hai futuro! Polo dereito ao traballo digno na propia terra', ten por obxectivo realizar unha valoración colectiva do traballo realizado desde o ano 2017 até hoxe, pero tamén trazade xeito conxunto unha folla de ruta para os vindeiros catro anos, tal e como explicaron hoxe en rolda de prensa o secretario comarcal, Alberto Gonçalves, e a integrante da Executiva Raquel Pérez.
Neste sentido, o responsábel sindical salientou algúns aspectos que definiron en grande medida o último período:
En primeiro lugar, a consolidación da CIG como a primeira forza sindical na comarca de Vigo, na práctica totalidade de sectores e actividades, tanto en número de afiliación, como en representantes sindicais elixidos e elixidas, como tamén en mobilización.
O aumento da afiliación, pasando de 17.963 persoas afiliadas (ficha) a 19.188, cun incremento do 6,8% nos últimos catro anos, “o que nos coloca en condicións de superar os e as 20 mil afiliadas/os no vindeiro período”.
Un nivel de afiliación moi superior á suma dos sindicatos estatais na comarca, que verifica o elevado grado de confianza da clase traballadora no modelo sindical da CIG, de contrapoder, de conflito, asembleario, nacionalista e de clase.
“Ese incremento da afiliación permitiu consolidar a independencia económica e financeira da nosa central sindical, polo que a CIG non dependemos de subvencións públicas, que representan unha porcentaxe marxinal dos nosos ingresos, senón das cotas que paga a nosa afiliación”.
Neste período a central volveu ser a primeira forza en representación sindical, con 1.215 delegados/as sindicais, representando o 32,55% do total, “a pesar da ofensiva da patronal en contra do noso sindicato e que se traduciu en casos de represión sindical, como o recente despedimento do noso delegado sindical en Barreras”.
Por iso Gonçalves quixo poñer en valor o compromiso e a coherencia das delegadas/os sindicais da CIG, “que con todo en contra, a empresa e tamén en moitos casos a hostilidade dos sindicatos de concertación estatais, logran ser a mellor ferramenta para a defensa dos intereses dos traballadores/as nas súas empresas e centros de traballo”.
Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que nos últimos anos enfrontamos un contexto marcado pola cronificación do desemprego, o aumento da precariedade laboral e do empobrecemento da clase traballadora, e o avance da desertización produtiva, agudizando a crise industrial e colocando sectores estratéxicos como a construción naval nunha situación límite. Unha desertización produtiva que provoca que neste 2021, só na cidade de Vigo, haxa 10.500 postos de traballo menos dos existentes en 2009, segundo datos da EPA. Ou que se teña destruído un número moi importante de empregos no ámbito industrial.
“Diante desta realidade apostamos decididamente pola mobilización e o conflito, para esixir un xiro radical nas políticas económicas, laborais e industriais, tanto da Xunta como do Goberno español, reclamando o noso dereito a producir e a termos un traballo digno na propia terra e esixindo que se blinde o futuro do naval e que se enfronten os enorme retos que ten o sector da automoción”.
Asemade, sinalou que a pandemia da Covid19 agravou a situación de emerxencia laboral, social e produtiva que atravesaba xa con anterioridade a comarca. “Mais cómpre sinalar que a CIG non se confinou. O noso sindicato estivo aberto e activo en todo momento, respectando as condicións e restricións sanitarias. Nós non reducimos o traballo sindical a un número de teléfono como fixeron outras organizacións, senón que estivemos desde o primeiro minuto plenamente operativos/as para atender as traballadoras/as e defender os seus dereitos nun contexto tan complexo e difícil”.
Por todo isto, a VIII Asemblea Comarcal deste sábado ten tamén por obxectivo fortalecer, aínda máis, o sindicalismo nacionalista e de clase na principal comarca de Galiza. “Queremos poñer a punto todas as nosas estruturas organizativas, para poñer en marcha toda a capacidade de acción sindical que como primeira forza temos. Sumando máis traballadoras/as ao noso proxecto sindical, no obxectivo de seguirmos a ser o mellor instrumento para a defensa dos intereses da clase traballadora galega”.
Así, adiantou que sobre esa premisa afrontarase a renovación dos organismos de dirección. “Farémolo ademais desde a máis sólida unidade e cohesión interna, como demostra o feito de que só concorra unha única candidatura para a nova Executiva Comarcal, que eu mesmo encabezarei como secretario comarcal, e na que están integradas todas as correntes e sensibilidades que facemos parte da CIG”.
Unha candidatura “plural e unitaria” que é resultado da vontade de poñer por diante o proxecto sindical e de “sumarmos esforzos” para o seu fortalecemento en Vigo. “Unidade de propósito, unidade na acción, unidade interna para promover tamén a maior unidade no seo do conxunto da clase traballadora, para seguir a plantarlle cara tanto aos abusos da patronal como as políticas de recortes e precarización que nos impoñen os diferentes gobernos”.
Finalmente, amosouse convencido de que a VIII Asemblea Comarcal da CIG de Vigo vai permitir que a central colla máis impulso “para empurrar a imprescindíbel conflitividade nas empresas e sectores, alentar a mobilización social e, xa que logo, avanzarmos na recuperación de dereitos en favor da clase traballadora galega”.
Na certeza de que, como di o lema da asemblea: sen loita non hai futuro. “Absolutamente convencidos/as de que a mellora das condicións de vida e de traballo non virá da man do nefasto pacto social que promove o sindicalismo estatal, senón da nosa capacidade de mobilización e conflito”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario