21 de out. de 2021

VIGO

Abren dilixencias penais contra os responsábeis do decreto  que suspendeu os descansos dos bombeiros de Vigo 

Comparecerán como investigados por presuntos delitos contra a saúde  e os dereitos dos traballadores/as e prevaricación administrativa

 

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo abriu dilixencias penais contra o ex concelleiro e o xefe de Seguridade Cidadá e Mobilidade,  Carlos López Font e Antonio Vivero Mijares, como responsábeis do decreto municipal que obrigaba  os bombeiros do Concello a traballar en días de descanso. A denuncia fora presentada en agosto do  ano pasado por delegados da CIG no servizo por presuntos delitos contra a saúde e os dereitos dos  traballadores/as e prevaricación administrativa. 

 En consecuencia, López Font e Vivero Mijares terán que comparecer este venres en sede xudicial ás  11:00 e as 12:00 horas como investigados no marco das dilixencias abertas polo Xulgado de  Instrución número 5 de Vigo, unha vez que o decreto fora anulado polo contencioso administrativo,  decisión que foi ratificada polo TSXG tras o recurso presentado polo Concello.  

 A pesar da anulación do decreto, os representantes sindicais da CIG entendían que a decisión dos  cargos municipais podía supoñer responsabilidades penais “xa que nos obrigaba a traballar por  decreto os días de descanso, cando realizamos unha actividade moi perigosa na que os descansos  entre servizos son moi importantes”. 

 De feito, a imposición do decreto provocou que o persoal tivese incluso que dobrar quendas  (traballando 48 horas seguidas) e chegase a realizar nalgúns casos máis de 600 horas máis de servizo  nos arredor de dous anos que estivo vixente. “Porque o Concello seguiuno aplicando despois da  primeira sentenza que o anulou, e incluso tras ser ratificada a anulación polo TSXG, polo que  tivemos que instar á execución da sentenza para conseguir que se retirase”. 

 Como resposta a este decreto “escravista” mantiveron unha folga indefinida durante case dous anos,  ao tempo que levaron a cabo numerosas mobilizacións e iniciaron unha ofensiva xudicial contra o  Concello. “O máis escandaloso é que en ningún momento se sentaron a negociar o decreto, nin antes  nin despois das sentenzas, e seguíano aplicando para gañar tempo ante a evidente falta de persoal  existente no servizo, como tampouco negociaron nunca os servizos mínimos da folga, que tamén  tiveron que ser anulados polos tribunais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario