A Xunta de Galicia declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria, incrementa os aforos ata o 100% e a hostalería e o ocio nocturno amplían os seus horarios
O vicepresidente primeiro sinala que Galicia conta agora cunha lei específica para xestionar a pandemia que permite actuar ante calquera posible empeoramento ou gromo coas máximas garantías e con seguridade xurídica
Será necesario manter as máscaras en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de metro e medio
Non está previsto que se manteña a periodicidade semanal do comité clínico, aínda que seguirá activo o subcomité para poder seguir asesorando na toma de decisións
Infogauda / Santiago de Compostela
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou en rolda de prensa que o Consello da Xunta declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria, que estaba declarada dende o día 13 de marzo de 2020. Ademais, increméntanse os aforos ata o 100% e a hostalería e ocio nocturno amplían os seus horarios.
Rueda especificou que o levantamento da emerxencia sanitaria non significa que a Comunidade quede sen ferramentas no caso de que sexa necesario actuar. “Galicia conta agora cunha lei específica para xestionar a pandemia que nos permite, en caso de empeoramento ou dun novo gromo, tomar decisións coas máximas garantías de eficacia e tamén de seguridade xurídica”, aseverou.
O vicepresidente primeiro explicou que “no ocio nocturno se mantén a necesidade de acreditar o certificado de vacinación”. Ademais puxo en valor que a aplicación PassCovid conta desde hoxe cun lector de códigos para axilizar tanto o sistema de acceso como o rastrexo.
Rueda tamén explicou que se levantan as medidas excepcionais que aínda se mantiñan en vigor nas residencias sociosanitarias. Deste xeito, todos os residentes poderán saír como facían antes da pandemia e tamén se recuperan as visitas, gardando coma sempre as precaucións e tamén a cita previa. A maiores tamén se seguirá cos cribados periódicos aos profesionais que traballan nestes centros.
Todas estas medidas entrarán en vigor o vindeiro sábado, 23 de outubro.
Logo de lembrar que será necesario manter as máscaras en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de metro e medio, o vicepresidente primeiro salientou que todas estas medidas “nos levan cara a normalidade de antes ou, cando menos, á nova normalidade”.
Deste xeito, non está previsto que se manteña a periodicidade semanal do comité clínico, aínda que seguirá activo o subcomité para avaliar a situación e poder seguir asesorando na toma de decisións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario