25 de out. de 2021

VIGO

A CIG convoca unha protesta en Ilunion en Vigo para rexeitar a  precariedade neste centro especial de emprego da ONCE 

Os traballadores/as, que prestan servizo na automoción, padecen altos  ritmos de traballo e falta de formación obrigatoria 




Infogauda / Vigo

 A CIG desenvolverá unha concentración este xoves día 28 de outubro diante da sede da ONCE en Vigo (Gran Vía, 16) de 11:00 a 12:00 horas “para denunciar a precariedade que padece o persoal de Ilunion Servicios  Industriales Galicia, un dos seus Centros Especiais de Emprego (CEE), así como os altos ritmos de  traballo ao que está sometido e a falta de formación obrigatoria”. 

 Dende a federación de Industria explican que “os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en  compañías do sector da automoción como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas  condicións de precariedade -perciben o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en  conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas”.  

 Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que  se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental  para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as. 

 Na CIG consideran que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para  precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar  beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”. 

 Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades  especiais son a través de CEE, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En  consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en  precariedade subvencionada”. 

 Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de  sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra  barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas  traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores da integración laboral”, denuncia CIG-Industria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario