18 de out. de 2021

TURISMO

A provincia de Pontevedra revalida o seu músculo turístico na ponte cunha ocupación hoteleira do 75% 

O observatorio de Turismo Rías Baixas confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida a provincia como líder en Galicia e destino top do Estado


O Monte Santa Trega, no concello de A Guarda, vén sendo un dos lugares máis visitados de Galicia
Foto: Infogauda

Infogauda / Pontevedra

 A ponte da Hispanidade foi todo un "éxito" para o sector turístico da provincia de Pontevedra. Así o constatou o observatorio de Turismo Rías Baixas que vén de confirmar unha ocupación hoteleira media superior ao 75% que confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida á provincia como líder en Galicia e destino top de España.  

 A comarca de Vigo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 82% de ocupación media nos establecementos hoteleiros, seguida do Salnés e O Morrazo, cun 75%. A comarca do Baixo Miño superou o 72%, a de Pontevedra o 71,5%, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 68%, a de Caldas o 58,5% e as do Condado e da Paradanta o 47%. Por concellos, Baiona superou o 82%, Vigo o 81%, Sanxenxo e Pontevedra o 78% e O Grove o 69,5%.  

 No que respecta aos establecementos de turismo rural, a ocupación media na provincia durante a ponte foi do 65%. Por comarcas a do Morrazo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 79% de ocupación en casas rurais, seguida do Condado e A  Paradanta, cun 78%. A comarca de Pontevedra chegou ao 77%, a do Baixo Miño ao 72%, a do Salnés ao 67%, as comarcas do Deza e Terra de Montes ao 54%, a de Vigo ao 52,5% e a comarca de Caldas ao 50%.  

 Mención aparte merece a ocupación media das vivendas turísticas que acadaron un 87% durante a ponte, cunha forte presenza do turismo nacional do sur de España e da Comunidade Valenciana. Puntos concretos como Vigo, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Cambados, Nigrán e Baiona chegaron ao 100% de ocupación.  

 Tamén foi significativa a asistencia de persoas ao Castelo de Soutomaior que, pese a estar pechado o luns 11 de outubro, chegou a recibir a 790 persoas. No que respecta ao perfil das persoas turistas que se achegan ás oficinas da Rede Info Rías Baixas tratáronse de visitantes maioritariamente españoles/as (93%) procedentes de Madrid, Barcelona, Vizcaya e Valladolid. No caso das persoas estranxeiras (7%) proviñan de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Suecia, Francia e Reino Unido. A porcentaxe maioritaria tiña entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis cunha estancia media de entre 4 e 6 días e visitáronos pola oferta cultural e de ocio.  

Novo premio internacional para Sigue o teu instinto  

 A provincia volve a estar de parabéns tras coñecerse que o audiovisual "Sigue o teu instinto", co que a Deputación promocionou o turismo no 2020, ven de acadar o seu sétimo galardón ao alzarse co terceiro premio na categoría de produto turístico no Festival de Turismo de Riga (Letonia). Deste xeito, a peza producida por Esmerarte e protagonizada pola actriz Celia Freijeiro, volve a situar o territorio no mapa internacional.  

 "Sigue o teu instinto" comparte palmarés con unha produción grega e outra italiana nunha edición deste festival, que cumpre xa 14 anos, na que se presentaron 300 películas de 40 países. En todas elas as persoas do xurado valoraron a presentación dos filmes en diferentes categorías como a de servizos turísticos, destino turístico -nas modalidades de cidade, rexión ou país- ou vídeo de viaxe independente, ademais da xa citada categoría de produto turístico.  

 Con este recoñecemento a peza segue a estela de "Fame de Experiencias", que logrou 14 galardóns, e continúa o seu percorrido polos festivais audiovisuais más prestixiosos do sector. O premio en Letonia súmase ao do "The Golden City Gate" de Berlín, como un dos mellores audiovisuais de ecoturismo do mundo; o Ouro no Festival ITTF África (Cape Town); o mellor vídeo de promoción de produto turístico no Fitur Travel Video Competition de Madrid e o Ouro no Tourism Film Festival de Turquía, ademais  dos recentemente concedidos primeiro premio en Produto Turístico na categoría Blue Danube no Silafest de Serbia e o Premio "Ouro en Produtos Turísticos / Destino Rural" no Terres Festival de Tortosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario