A Xunta de Galicia promove a gala ‘aRi[t]mar’ con propostas músicais e poéticas nunha edición protagonizada por mulleres
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa en que se deron a coñecer os detalles da entrega de premios, que terá lugar mañá a partir das 20,30h. no Auditorio de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presidiu a rolda de prensa que acolleu hoxe o Pazo de San Roque para presentar esta gala
Foto: X.G.
As cantantes Guadi Galego e Cláudia Pascoal e as poetas Rosalía Fernández Rial e Márcia foron elixidas gañadoras mediante unha votación en liña
O premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona foi para o escritor e xornalista portugués José Viale Moutinho
As entradas para asistir á gala son de balde previa reserva e estarán dispoñibles no web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural e do Auditorio de Galicia
Infogauda / Santiago de Compostela
A gala aRi[t]mar Galiza e Portugal chega mañá a súa sexta edición cun espectáculo protagonizado por mulleres que reunirá no Auditorio de Galicia ás cantantes Guadi Galego e Cláudia Pascoal e ás poetas Rosalía Fernández Rial e Márcia, as catro premiadas nas categorías de mellor música e poesía galega a portuguesa do pasado ano, respectivamente. A cerimonia, na que se lerán e cantarán os temas gañadores, está organizada pola Xunta de Galicia no marco do desenvolvemento da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, tamén coñecida como Lei Valentín Paz Andrade.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presidiu a rolda de prensa que acolleu hoxe o Pazo de San Roque para presentar esta gala “que nos lembra os estreitos vencellos que nos unen a Portugal e a facilidade que temos para comunicarnos co mundo lusófono desde o galego”, salientou.
Canda o representante de Cultura, Educación e Universidade participaron Rubén Prol, concelleiro de Educación, Xuventude e Políticas Lingüísticas; Gonzalo Constenla, director da EOI de Santiago; Guadi Galego, música e gañadora do premio á mellor canción en galego desta edición; Xosé Lago, subdirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e Vicente Mohedado, copresentador da gala aRi[t]mar 2021.
Premios da música e poesía galego-portuguesa
A iniciativa aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural que busca afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre Galicia e o país veciño, divulgando a música e a poesía galego-portuguesa actuais. Conta co patrocinio da Xunta, da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Santiago, do Instituto Camões e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ademais, tamén colaboran neste proxecto a Facultade de Filoloxía da USC, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, as EOI de Lugo e Pontevedra, o Centro Cultural Português de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português a través de Camões na Galiza.
Gañadores da gala 2021
Como cada ano, a escolla dos gañadores foi feita polo público xeral, galego e portugués, a través dunha votación en liña entre 10 cancións e poemas finalistas seleccionados previamente polo xurado do certame. Tras obter a participación máis alta de todas as edicións feitas ata o de agora, os catro premios levan, finalmente, nome de muller.
A canción gañadora en galego foi Cólico, do disco Costuras, de Guadi Galego; a escollida en portugués Quase Dança, do disco !, de Cláudia Pascoal. No ámbito da poesía o texto galego seleccionado polos votantes foi A reflexión, de Rosalía Fernández Rial, e o equivalente en portugués, O verão sabe-me bem, de Márcia. Pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona foi para o escritor e xornalista madeirense José Viale Moutinho. Con este premio, o xurado quixo destacar a “labor de Viale como ponte entre Galicia e Portugal, impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a lusofonía como verdadeiro embaixador de Galicia en Portugal e de Portugal en Galicia”.
Os premios serán entregados na gala de mañá, presentada por Vicente Mohedano e Lupe Blanco, no Auditorio de Galicia a partir das 20,30 horas. As entradas xa poden recollerse de balde ata encher a capacidade da sala a través do web de Compostela Cultura, preferentemente, e nos despachos de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1) e do Auditorio de Galicia, aberto este último 1h antes do comezo da gala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario