8 de out. de 2021

PONTEVEDRA

A Escola María Vinyals reabre as súas portas "ao grande" co I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas que reunirá a 20 expertas de todo o estado 

Carmela Silva: "Queremos debater, reflexionar, propoñer e reivindicar da man das mulleres que son a gran referencia en igualdade. Estas xornadas van dar moito que falar, porque imos reclamar que ten que a axenda feminista ten que ser a prioridade"  

  

A presidenta da Deputación na rolda de prensa de hoxe

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Escola de Igualdade  María Vinyals da Deputación de Pontevedra retomará por todo o alto a súa actividade presencial tras ano e medio de pandemia coa celebración a vindeira semana do I Encontro Nacional sobre Políticas Públicas de Igualdade que terá lugar no Castelo de Soutomaior. Serán dúas xornadas (14 e 15 de outubro) con 15 horas de debate a cargo das maiores 20 expertas do Estado e que, como subliñou Carmela Silva, servirán para poñer enriba da mesa a axenda feminista e "debater, reflexionar, propoñer e reivindicar" no marco das políticas de igualdade e os seus máis inmediatos desafíos.  

 A presidenta provincial, acompañada pola deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, cualificou esta reapertura "de Óscar" e remarcou que neste 2021 "non se teñen feito nin a nivel nacional nin a nivel internacional en Europa unhas xornadas desta calidade coas grandes referentes do feminismo en todos os eidos, desde logo en Galicia non hai nada parecido". A cita responde á decidida "loita diaria" da Deputación de Pontevedra e da súa Escola de Igualdade "para que a axenda feminista, a axenda das mulleres estea presente nas prioridades políticas. Somos a administración máis feminista de toda Galicia e eu diría e das máis feministas de todo o Estado e así se nos recoñece", afirmou.  

 O encontro, que está coordinado pola doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora universitaria, referente feminista e escritora Rosa Cobo, debaterá e analizará o estado actual da igualdade e os retos de futuro no desenvolvemento de políticas públicas da man "das mulleres que son a grande referencia da igualdade", a través de seis mesas redondas e unha conferencia inaugural que serán retransmitidas en directo por streaming. Nas dúas xornadas abordaranse as Políticas Públicas Nacionais, Políticas Autonómicas, Políticas Municipais, Políticas de Igualdade en Medios de Comunicación; Políticas de Igualdade no Sistema Xudicial e Propostas de Políticas de Igualdade no Movemento Feminista.  

 "Creo que vai dar moito que falar esta xornada –engadiu a presidenta- porque imos reclamar que ten que haber unha axenda feminista como prioridade. Queremos que se mellore a Lei contra a Violencia de Xénero e a Lei de Igualdade. Queremos que haxa unha lei de abolición da prostitución e unha posición clara e recollida taxativamente nas normas contra os ventres de alugueiro. Queremos rachar coa brecha salarial, que nas palestras esteamos representadas ao 50% de xeito paritario e que nos libros de texto aparezan as mulleres científicas e innovadoras, artistas e escritoras que non están. Polo tanto, que haxa referencias para que as nenas e os nenos saiban que hai mulleres moi potentes".  

As relatoras  

 Amais de Rosa Cobo, que pronunciará a conferencia inaugural, participarán no encontro Soledad Murillo, exsecretaria de Estado de Igualdade; Beatriz Gimeno, exdirectora do Instituto das Mulleres; Izaskun Landaida, directora do Instituto Vasco da Muller; Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Principado de Asturias; Eva Istúriz, directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade; María Durán, directora do Instituto Balear da Muller; Núria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet; Silvia Buabent, activista feminista e exdirectora do Instituto das Mulleres; Ana Bernal Triviño, xornalista e profesora universitaria; Emelina Fernández, expresidenta Consello Audiovisual de Andalucía; María Luisa Balaguer, maxistrada do Tribunal Constitucional; Paz Filgueira, maxistrada especialista en violencia de xénero; Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño; Marta Giráldez Barral, alcaldesa de Meis; María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega; Marta Cárdaba, xefa de Servizo no Observatorio de Saúde das Mulleres no Ministerio de Sanidade;  Lidia Fernández, doutora en Estudos Interdisciplinares de Xénero; Concha García, voceira da Plataforma do Feminismo Radical de Galicia e Lupe Ces, mestra e activista feminista.  

 As seis mesas serán moderadas por xornalistas da provincia: María Varela (Diario de Pontevedra), Lara Graña (Faro de Vigo), Nieves Domínguez (La Voz), María Obelleiro (directora de Diario Nós) e Ana Fuentes (xefa de Prensa de Zona Franca). As inscricións para o congreso abríronse hai unha semana e, aínda que xa están cubertas as 100 prazas, está aberta unha lista de agarda para facilitar a asistencia ao encontro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario