4 de out. de 2021

OIA

Presentación sobre o futuro plan de mellora do abastecemento autónomo en Oia dirixida ás traídas veciñais    

A xuntanza celebrarase o 6 de outubro en Pedornes e será un acto previo ao inicio dos traballos de campo  

  


Infogauda / Oia

 O Centro Sociocultural de Pedornes acollerá, o próximo 6 de outubro, unha presentación dirixida a persoas usuarias e representantes de traídas veciñais na que se dará a coñecer o proxecto para a posta en marcha dun Plan Municipal de Mellora do Abastecemento Autónomo, no que actualmente xa se está a traballar.  

 A xuntanza se desenvolverá entre ás 18.30 e as 19.30 horas e será un acto previo ao inicio dos traballos de campo que se van desenvolver no marco do antedito plan. O encontro consistirá nunha presentación sobre os plans municipais de abastecemento autónomo, así como unha posta en común coa veciñanza.  

 Dende o Concello convocouse ás directivas para asistir a dita reunión, non obstante, calquera persoa usuaria interesada poderá asistir, chamando previamente ao teléfono 986 362 125 ou 639 329 493.   

Plan Municipal de Abastecemento Autónomo  

 "Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa que a Xunta está a desenvolver en materia de abastecemento autónomo en municipios de menos de 5.000 habitantes, e para o que Oia foi seleccionada xunto con outros 5 concellos galegos.

 O obxectivo destes plans é dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable fóra das súas redes municipais e para que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as accións de mellora neste ámbito. Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezaron o pasado mes de xullo e a elaboración dos plans ten uns 18 meses de duración, polo que se estima o seu remate en decembro de 2022", indican desde o equipo de goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario