5 de out. de 2021

LABORAL

Anulan a sanción a unha traballadora de Pescanova que denunciou acoso sexual e laboral dun encargado 

A sentenza condena a empresa por vulnerar o seu dereito  fundamental a non ser discriminada por razón de sexo 


A decisión xudicial, contra a que cabe recurso no TSXG, foi presentada hoxe en rolda de prensa  polo secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, pola avogada da central sindical Patricia Mariño e pola técnica de Igualdade Ester Mariño.

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de declarar nula a sanción imposta por Nueva Pescanova a unha traballadora que denunciou diante da empresa acoso sexual e laboral por parte dun  encargado do Centro Industrial do Porriño. A sentenza condena a compañía por vulnerar o seu  dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo e fixa unha indemnización por dano  moral para a afectada. 

 A decisión xudicial, contra a que cabe recurso no TSXG, foi presentada hoxe en rolda de prensa  polo secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, pola avogada da central sindical  Patricia Mariño e pola técnica de Igualdade Ester Mariño. García lembrou en primeiro lugar os  antecedentes do caso, cando unha traballadora de Nueva Pescanova afiliada da CIG presentou unha denuncia no Centro Industrial do Porriño por acoso sexual e laboral dun encargado. “Entón a  empresa activou un protocolo de acoso moi particular, pensando máis nos seus propios intereses  que na vítima”.  

 Segundo criticou, durante o proceso Nueva Pescanova cometeu “todos os erros” que se poden  cometer neste tipo de procedementos, “comezando por vitimizar dobremente a compañeira  afectada, á que chegan incluso a cambiar de posto de traballo, mentres que o denunciado segue no seu. Ademais a empresa fixo todo o posíbel para entorpecer a comisión de acoso encargada de  investigar a denuncia, que se pechou asegurando que non existían probas que demostrasen o  acoso.  

 A partir de aí a dirección decide amoestar por escrito a traballadora acusándoa de entorpecer o traballo da comisión de acoso, feitos que a empresa cualifica como moi graves.” Obviamente impugnamos a amoestación no xulgado reclamando a súa nulidade, e o xuíz non só nos dá a razón  senón que condena tamén a empresa por vulneración do dereito fundamental a non ser  discriminada por razón de sexo e fixa unha indemnización para a traballadora”.  

 Para rematar, o responsábel sindical asegurou que este tipo de actitudes de Nueva Pescanova “xa  non nos sorprende”, porque dende que entou a nova dirección de recursos humanos  “compórtanse como se sempre tivesen a razón”. “Gústalles moito impoñer e pouco debater;  manteñen as formas e comunican os cambios que vai haber, pero nunca intentan chegar a acordos  ou consensuar co comité de empresa”.  

Satisfacción pola sentenza 

 Pola súa banda, a avogada Patricia Mariño, encargada de levar o caso, explicou que no recurso  contra a sanción, ademais de pedir a súa nulidade, a central sindical alegaba que a empresa  vulnerara o dereito fundamental á intimidade e á igualdade e solicitaba unha reparación  económica para ese dano moral, que se cuantificou en 6.251 euros, e que finalmente foi  recoñecida. 

 Sinalou que o propio Ministerio Fiscal na quenda de conclusións acolleu a petición da nulidade por  vulneración do dereito de intimidade, pero finalmente o xuíz conclúe estimando as pretensións da  CIG na súa totalidade, considerando que a indemnización por dano moral deriva da vulneración do  seu dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo. “Entende pois que foi  discriminada polo simple feito de ser muller e por ter presentado a denuncia, e condena á empresa a abonarlle esa cantidade económica como indemnización adicional, ademais de anular a sanción  imposta”.  

 Ao mesmo tempo, Mariño repasou algunhas cuestións importantes que ao seu entender  contempla a sentenza. En concreto, o feito de que o xuíz considere que o resultado da  investigación da comisión de acoso non desvirtúa a denuncia da traballadora, “e non significa que  fose feita con temeridade, mala fe e con intención de amolar á parte contraria, xa que as  declaracións das testemuñas diante da comisión amosaron indicios suficientes de que o que estaba a denunciar era certo”.  

 Mais con independencia do resultado da comisión, que arquiva a denuncia, a empresa decide “pola súa conta e risco” sancionar a traballadora por uns feitos que considera moi graves. A este respecto o xuíz considera que con este xeito de proceder -que cualifica de discriminatorio- Nueva Pescanova  pretendía disuadir posíbeis futuras denuncias.  

 Por todo isto, a letrada da CIG amosou a súa satisfacción pola sentenza, que considera unha  “vitoria moral” e entende que vén a resarcir “en parte” a “situación tan dura” que tivo que vivir a  traballadora.  

“Eu si te creo” 

 A técnica de Igualdade da central sindical Ester Mariño puxo sobre a mesa unha realidade que  segundo asegurou non só acontece en Nueva Pescanova, senón na maior parte das empresas.  “Lonxe de protexer as traballadoras que son vítimas de acoso -tanto laboral como sexual- as  compañías entorpecen calquera denuncia, e en casos extremos coma este mesmo optan por  sancionala, despois de ter incumprido os seus propios protocolos, dende as prazos até a  confidencialidade”. 

 Por iso lamentou que con este tipo de feitos non só se disuade, senón que se cuestiona  socialmente que estes comportamentos requiran dunha actuación ao respecto, “xa que cada paso  que daba a empresa afondaba na desprotección da traballadora, no sentido de chegar a ser  cuestionada polas súas propias compañeiras, intentar facerlle crer que o que aconteceu non é algo  tan grave, modificarlle as súas condicións de traballo cambiándoa de quenda, etc”. 

 E fixo fincapé en que situacións coma esta son moi habituais nas empresas, pero moitas das  afectadas non denuncian precisamente por casos coma o acontecido en Nueva Pescanova. “Por iso  dende a CIG, como organización feminista, denunciamos estas cousas para visibilizar socialmente o  que está a acontecer, independentemente do que recolla unha sentenza. Porque con esta decisión  xudicial as traballadoras poden ver que teñen vías para denunciar o que padecen, e por suposto  nós imos estar sempre para darllos o apoio e os mecanismos necesarios para que poidan  emprender este tipo de denuncias”. 

 Finalmente, indicou que non podemos abstraernos desta realidade a nivel social, “e cada día  vémonos obrigadas como mulleres a berrar 'eu si te creo', e non só cando saímos de noite, senón  no noso día a día, tamén nas empresas”. Situacións que colocan as mulleres nun estado de  vulnerabilidade só polo feito de seren mulleres, e incluso supoñen situacións de violencia, “que  logo na práctica se ven cuestionadas como a si foi neste proceso, até o punto de que acaba por ser  prexudicial para as mulleres que deciden denunciar”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario