O Concello de A Guarda renovou o pavimento do Pavillón Municipal da Sangriña
Destináronse preto de 30.000€, asumidos con recursos propios do Concello da Guarda dentro do Plan de Inversións previstas para este 2021
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno municipal vén de facer público que "o Concello da Guarda realizou ao longo do verán obras de mantemento correctivo do pavimento do pavillón municipal de cara ao inicio da tempada deportiva 2021/22, consistentes no acoitelado, lixado e vernizado do parquet deportivo, a reparación do pavimento en zonas danadas, o pintado dos bordes do campo cun acabado con propiedades antideslizantes e o marcaxe e pintado do campo de balonmán e zonas a resaltar.
Nestas obras no pavillón destináronse preto de 30.000€, asumidos con recursos propios do Concello da Guarda dentro do Plan de Inversións previstas para este 2021.
Estas obras eran moi demandadas polo club de balonmán Atlético Guardés e necesarias para unha correcta práctica da actividade deportiva.
Hai que ter en conta que no club, ademais da División de Honra, tamén hai equipos de xuvenil, cadete, infantil e benxamín, e ademais neste ano creouse un equipo de autonómico masculino, polo cal foi preciso facer estas obras para que a práctica deportiva se realice con todas as medidas de seguridade e en condicións óptimas para os nosos deportistas."
Ningún comentario:
Publicar un comentario