4 de out. de 2021

DEPORTES

ATLETISMO 

Manuel Lorenzo e Rocío Rodríguez soben ao máis alto do podio da 15k Atlántico Banco Mediolanum  

Os atletas saíron de Oia e pasaron polo Rosal ata chegar á Guarda.  


Podio absoluto masculino
Fotos: Cedidas

                                                                                                      Podio absoluto feminino

Infogauda / A Guarda

 A 15K Atlántico Banco Mediolanum contou este ano no alto do podio con Manuel Lorenzo López, na categoría masculina, e a Rocío Rodríguez Oliveira, na feminina, como os gañadores dunha proba na que participaron máis de 500 atletas, o número máximo permitido polos controis sanitarios vixentes. 

 Programáronse saídas en grupos cada 30 segundos.  A contorna do mosteiro de Santa María de Oia foi o lugar onde iniciouse a proba. Os 15 quilómetros habituais cambiaron algo o seu percorrido, pero sen grandes sorpresas. Os atletas pasaron polo Rosal ata chegar á Guarda. Os tres concellos apoiaron a proba, tal como aconteceu en edicións precedentes. 


As alcaldesas de Oia e do Rosal, o alcalde A Guarda, e concelleiros de Deportes, nos momentos previos á saída da andaina

 A carreira, con oito edicións xa disputadas, xa forma parte do calendario do atletismo. Despois dun período de dúbidas, a súa celebración supón un novo paso para a normalidade deportiva. Ademais, tamén tivo lugar unha marcha na que participaron 100 persoas.   

 Manuel Lorenzo López, cun crono de  00:48:58 foi o que presentouse primeiro na liña de chegada no incomparable marco do Paseo Marítimo de A Guarda, escenario habitual para instalar a meta. O gañador tivo en Iván Docampo González, que cun rexistro de 00:49:18, ocupou a segunda posición, ao seu principal opoñente. Óscar Bernárdez Carballo, cun crono de  00:50:31 foi terceiro e completou o podio. Jordi Carrasco e Juan Outón foron cuarto e quinto, respectivamente. 

 Na categoría feminina Rocío Rodríguez Oliveira, cun tempo de 01:05:38 foi a que proclamouse campioa. Superou a Uxía Fernández García, que con un crono de 01:05:42 ocupou o segundo lugar na clasificación. Ana Alonso García, con un tempo de 01:07:28 foi terceira. A continuación entraron Belén Bascoy Cao e Sandra Fernández Yáñez. 


Foto de familia co podio absoluto e representantes das entidades patrocionadoras da proba

  Ademais de estar consolidada como un referente e ao mesmo xa se pode considerar emblemática, a 15 k Atlántico tamén contribúe na promoción do Camiño Portugués pola Costa, que logo de abrirse a fronteira luso-galaica - que estivera pechada pola pandemia - adquiriu unha gran importancia co gran número de peregrinos que o transitan. 

 A 15k Atlántico Banco Mediolanum tamén amosou o seu lado máis solidario. A través do programa Mediolanumaproxima, que axuda a coñecer ás ONGs locais, colaborou con Bicos de Papel, asociación que axuda aos nenos oncolóxicos. Búscase favorecer o seu apoio escolar aos xoves que deben estar ingresados no hospital por esta enfermidade. En cada inscrición realizouse unha doazón dun euro e tamén creouse unha fila cero. Con todo iso e a aportación da Fundación Banco Mediolanum chegouse á cantidade de 10.000 euros. 

 A Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Supermercados Froiz tamén colaboraron para que a xornada fora un éxito. O bo tempo acompañou á competición. “Xa nos apetecía desfrutar”, dixeron moitos dos participantes. 

 A próxima edición xa está en marcha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario