27 de set. de 2021

VIGO

A CIG retoma as mobilizacións para esixir a readmisión do seu delegado no comité de empresa de Barreras  

Convoca unha nova concentración solidaria con Rafa Pérez este  mércores 29 nas instalacións do estaleiro vigués ás 10:30 


A imaxe corresponde a unha concentración precedente que tivo lugar diante do SMAC
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria retoman as mobilizacións para esixir a  readmisión de Rafa Pérez, o seu delegado no comité de empresa de Hijos de J. Barreras SA, cunha concentración que terá lugar diante das instalacións do estaleiro vigués este mércores día 29 ás  10:30 horas. 

 Esta nova protesta chega despois da celebrada o pasado mes de agosto coincidindo co acto de  conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non puxo sobre a mesa a  readmisión do compañeiro, polo que o xuízo na que a central sindical reclamará a nulidade do  despido terá lugar no mes de xaneiro. 

 Para xustificar a súa decisión, a empresa imputáralle dúas faltas por presunto abandono do posto de  traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar unha ocupación  simbólica das instalacións do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as  por incumprir o protocolo covid.  

 Cuestións que o propio Pérez afirma que son absolutamente falsas e que a empresa inventou para  despedilo, nun claro caso de represión sindical, xa que tal e como lembra o secretario xeral da CIG,  Paulo Carril, “o despedimento responde ao intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a  crise que atravesa o sector naval na comarca de Vigo e a nosa esixencia ás administracións de que  actúen para evitala”. 

 O representante da CIG en Barreras recibiu a comunicación do despedimento o pasado 2 de xullo  por correo electrónico e mediante burofax. Comunicación na que, ademais, a empresa indicaba que  lle restrinxía o seu acceso ás instalacións.  

 Por iso dende a central sindical anuncian que esta non será a última mobilización que van convocar  en demanda da súa readmisión, contra a represión sindical en Barreras e para reclamar das  administracións que interveñan para frear a crise que azouta o sector naval da ría de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario