A Deputación de Pontevedra renderá homenaxe ao deporte da provincia cunha gala no castelo de Soutomaior
No evento do próximo xoves farase entrega das bolsas da marca provincial de alto nivel "DepoDan" e "DepoPromesa" para 181 deportistas
Infogauda / Pontevedra
Os xardíns do Castelo de Soutomaior serán o escenario o próximo xoves, ás 19.00 horas, da Gala do Deporte provincial, organizada pola Deputación de Pontevedra, na que se entregarán as bolsas DepoDan e DepoPromesa a 181 deportistas que teñen a marca provincial. No evento, que será conducido polo xornalista Terio Carrera e a capitana do Mecalia Atlético Guardés de balonmán feminino, Lorena Pérez, se fará un recoñecemento especial ás olímpicas, olímpicos, paralímpicas e paralímpicos que deixaron tan alto o nome da provincia nos Xogos de Tokio, así como a todas as e os deportistas de alto nivel e "promesas" que tantos éxitos acadan ano tras ano convertendo á provincia en todo un referente no mundo do deporte. A Gala arrancará cunha homenaxe a Fran Teixera, histórico adestrador de balonmán e traballador da Deputación, falecido recentemente, e contará coa actuación de Carlota Crey, música que forma parte do directorio de "Descúbreas", a iniciativa provincial coa que se reivindica o papel das mulleres no sector.
A presidenta da Deputación amosou o seu orgullo "polo nivelazo do noso deporte e lembrou que é o terceiro ano que a Deputación de concede as bolsas DepoDan e DepoPromesa "que permite ás e aos deportistas adestrar e preparar os seus obxectivos e tamén que poidan participar en competicións nacionais e internacionais". Do total das bolsas concedidas 137 serán para deportistas de alto nivel, que recibirán 174.300 euros, e as 44 restantes para deportistas promesa, que contarán con 24.700 euros.
Carmela Silva lembrou que o proxecto estaba dotado con 250.000 euros e como "moitas e moitos deportistas non puideron solicitar as súas bolsas porque estaban en grupos burbulla antes das olimpíadas ou mesmo xa en Tokio, imos a sacar unha segunda convocatoria para cubrir todo o orzamento e que ninguén se quede sen bolsas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario