21 de set. de 2021

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra colabora con FEAFES cunha achega de 20.000 euros para o proxecto "Practicum", no que participan unha quincena de doentes mentais 

"Practicum" ten como obxectivos a identificación e creación de novas posibilidades de inserción laboral e a eliminación do descoñecemento e prexuízos existentes acerca das capacidades laborais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental 


A deputada Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor Rodríguez visitaron as instalacións da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES)

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A deputada Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor Rodríguez visitaron as instalacións da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES), coa que a institución colabora cunha achega de 20.000 euros para a posta en marcha do seu proxecto "Practicum". A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación estanse a beneficiar 15 persoas de toda a provincia, aínda que os principais municipios de actuación son Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Redondela, Vigo, Cangas, A Guarda, Baiona e Ponteareas. As súas actividades teñen lugar na delegación de FEAFES Vigo e nas empresas onde se realizan as prácticas.  

 Iniciado en 2011 froito da colaboración da Deputación e FEAFES, "Practicum" continúa a ser o único proxecto específico de práctica laboral para persoas que padecen enfermidades mentais da provincia. Está pensado para identificar e crear novas posibilidades de ocupación que faciliten a inserción laboral do colectivo, así como para eliminar o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades laborais e produtivas das persoas con enfermidades mentais. Así, entre as súas actividades principais destacan a selección, estudo e valoración das persoas candidatas; a orientación e asesoramento individualizado no proceso de inserción laboral; a formación das/os demandantes en novas tecnoloxías; o emprego de técnicas de adestramento, intelixencia emocional e técnicas de motivación; a práctica de hábitos que facilitan o acceso e mantemento do emprego e a formación no posto de traballo. Ademais, este ano destaca pola creación do Club de Emprego, en cuxas reunións as persoas participantes intercambian información, experiencias, impresións e ofertas.  

 A súa metodoloxía partiu dunha fase inicial de identificación e selección dos sectores de actividade e postos de traballo para a posterior creación dunha base de datos das empresas. A partir de aí estableceuse o contacto con elas e procedeuse ás entrevistas de información primeiro e de mantemento ou negociación despois. Finalmente, as e os participantes do programa están a levar a cabo os seus respectivos empregos con apoio, contando tamén con titorías e técnicas de traballo en grupo. "Practicum", que conta cun período de actuación dun ano, avaliarase medindo a cantidade de acordos e convenios asinados con empresas, persoas usuarias que accederon á realización das prácticas non laborais, insercións acadadas, empresas visitadas e grao de satisfacción das persoas e empresas.  

 FEAFES, Federación de Asociacións de Familiares con Enfermidades Mentais, constituíuse en 1995 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, familias e achegados/as e defender os dereitos do colectivo. Na actualidade, esta asociación sen ánimo de lucro agrupa a 12 asociacións repartidas pola xeografía galega, está presente activamente en preto de 30 localidades e representa ás máis de 80.000 persoas doentes. Entre as actividades que desenvolve, destacan as que traballan pola inserción laboral do colectivo, atención personalizada e asesoramento legal e labores de sensibilización e promoción da saúde mental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario