21 de set. de 2021

DEPORTES

A Deputación de Pontevedra inicia a nova edición do programa DEPOrte Escolas que este curso inclúe nove modalidades deportivas 

Xa está aberta a inscrición para que crianzas e mozos e mozas en idade escolar da provincia poidan participar nas actividades de atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekwondo




Infogauda  / Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa DEPOrte Escolas, que desenvolve en colaboración coas federacións deportivas, para promover o desenvolvemento da practica da actividade física entre as crianzas en idade escolar que residen na provincia. Deste xeito, trala publicación das bases desta iniciativa no Boletín Oficial da Provincia, desde este martes 21 de setembro xa está aberto o prazo de inscrición, que deberá realizarse preferentemente a través da sede electrónica da Deputación.  

 As DEPOrte Escolas, ás que este ano a Deputación de Pontevedra dedica un orzamento de máis de 330.000 euros, abranguen nove modalidades: atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekwondo. As escolas comezarán o 13 de outubro e finalizarán en maio, excepto a de piragüismo, que polas súas características técnicas terá un período lectivo diferente, comezando no mes de marzo e finalizando no mes de setembro. As disciplinas dispoñibles por concello para cada tramo de idade, así como os horarios, están publicados xa na web da Deputación.  

 O programa DEPOrte Escolas permite que centos de nenas e nenos se poidan iniciar en diferentes modalidades deportivas de xeito totalmente gratuíto ao longo de toda a provincia, en colaboración e coordinación coas diferentes federacións e clubs deportivos para contribuír ó desenvolvemento e fomento da actividade deportiva en idade escolar.  

 Trala publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, ábrese o primeiro dos dous prazos para a presentación de solicitudes, de 10 días hábiles, e unha vez finalizado poderanse consultar as listas de persoas inscritas na páxina web. A selección das prazas levarase a cabo por orde de rexistro de entrada. Haberá un segundo prazo de presentación de solicitudes dun mes a partir do 1 de novembro, co obxectivo de ocupar as prazas que quedaron baleiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario