O “VOLANTEIRO NO CAMIÑO” REGRESA A PORTO ENTRE OS POEMAS DE FELICIANO ROLÁN E ROSALÍA
· A lectura de “Lieders”, escrito por unha novísima Rosalía de Castro e que está considerado como o primeiro manifesto feminista galego, pechou a programación do “Volanteiro no Camiño”, unha iniciativa turística e cultural impulsada pola Asociación Piueiro, que contou co financiamento da Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.
Joaquín Cadilla, Chuny Vázquez, Julia Sobrino, María Jesús Arginay, Antonio Lomba e Jéssica Pintor, momentos antes de comezar o recital poético
Mar Bermúdez / A Guarda
O recital poético co que a Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro pechou a intensa programación despregada este verán co “Volanteiro non Camiño” congregou no salón de actos de Orpagu a numerosas veciñas e veciños. Os poemas de Feliciano Rolán e o manifesto “Lieders” de Rosalía de Castro puxeron o broche de ouro á iniciativa turística e cultural impulsada pola asociación guardesa en colaboración coa Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo.
A presidenta da Agrupación Cultural Guardesa, Julia Sobrino, a poeta Chuny Vázquez e as xornalistas Jéssica Pintor e María Jesús Argibay participaron no recital que contou coa presentación do presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, e a benvida do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba.
Sobrino e Vázquez leron algúns dos seus poemas preferidos de Feliciano Rolán (Vigo, 1907), autor dos poemarios “Huellas” e “De mar a mar”, este ultimo editado polos seus amigos coa selección feita por Juan Ramón Jiménez. O autor agora recuperado foi professor de Dereito na Universidade de Santiago e morreu aos 27 anos de idade.
Pola súa banda, as xornalistas Jéssica Pintor e María Jesús Argibay realizaron a lectura de “Lieders”, o artigo escrito por Rosalía de Castro e que foi publicado por primeira vez en 1858, que está considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.
Joaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, realizou un resumo da actividade destes tres últimos meses do “ Volanteiro non Camiño, incidindo no labor divulgativo que realiza a asociación e referiuse aos dous protagonistas do recital, explicando os vínculos que unen a Rolán con Rosalía: “Unha unión que podería resumir nos seus versos, nos seus percorridos dous mares exteriores que coñeceron aos seus temporais máis íntimos. A ligazón das augas, Rosalía no Ulla e no Sar, e Feliciano, no mar aberto deste pobo.
O “Volanteiro no Camiño”, divulgando a cultura mariñeira
As travesías que se realizaron ao longo do verán co “Volanteiro no Camiño” permitiron aos viaxeiros descubrir a navegación a bordo dun barco tradicional e coñecer a cultura mariñeira transmitida pola propia embarcación e polos seus tripulantes, en parte mariñeiros xubilados do porto da Guarda. Todos eles recibiron previamente a formación necesaria en Interpretación do Patrimonio para ofrecer aos particopantes unha información completa sobre os roteiros.
Neste sentido, un elemento fundamental do proxecto foi un mapa que recibiron todos os viaxeiros e que lles achegaba unha visión do Camiño Portugués pola Costa desde o mar, destacando bens patrimoniais e naturais como o Monte Santa Trega, o espazo natural Esteiro do río Miño (Rede Natura 2000), o Mosteiro de Santa María de Oia, os petróglifos Auga dos Cebros (coa reproducción dunha embarcación fenicia), a Fortaleza Monterreal, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Monte do Castro, o Centro de Interpretación da Batalla de Rande ou a Illa de San Simón.



Ningún comentario:
Publicar un comentario