7 de set. de 2021

A GUARDA

O persoal de IKF da fábrica das Cachadas, cumpre 20 xornadas de folga contra a  precarización mentres a empresa segue negándose a negociar 

O grupo francés esixe a desconvocatoria dos paros para sentarse coa  representación dos traballadores/as 


O persoal de IKF da fábrica das Cachadas, cumpre 20 xornadas de folga contra a  precarización
Fotos: CIG

Infogauda / A Guarda

 O cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture España, S.A. (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede nas Cachadas (A Guarda), cumpre hoxe 20 xornadas de folga contra as pretensións da compañía francesa de precarizar as condicións laborais mantendo a dobre escala salarial e impoñendo a  liberalización horaria. A dirección négase a negociar mentres non se desconvoquen os paros a pesar dos  intentos de mediación do AGA.  

 A folga indefinida iniciada a mediados de xullo para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar no tempo, a liberalización dos horarios, a maior flexibilización da xornada e o cambio no  goce das vacacións que pretende impor a compañía suspendérase en agosto polo comezo do período  vacacional. Como nese tempo non se chegou a un acordo, os traballadores/as optaron por retomar os  paros, que agora se desenvolven todos os martes, mércores e xoves, en principio até o vindeiro 30 de  setembro (a excepción do xoves 23, que é festivo local). Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi total, provocando un  achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas  sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do  traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais. 

 Os paros están a ter tamén un seguimento practicamente total, xa que a semana pasada unicamente  entrou a traballar un empregado de produción. E este sumóuselle agora o único delegado de CCOO no  comité (4 representantes da CIG e 1 do sindicato estatal). Polo que só dúas persoas das 60 que integran  o departamento de fabricación non secundan a folga. En consecuencia, a compañía manobrou para intentar minimizar o seu impacto, establecendo  servizos mínimos non co obxectivo de realizar labores de mantemento senón para poñer en marcha  o forno coa finalidade de comezar a traballar de inmediato no caso de que o paro sexa  desconvocado. Diante disto, a representación do cadro de persoal procedeu a impugnar os servizos  mínimos


 Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi total

 Dende a CIG-Construción denuncian que a dirección négase a negociar a pesar dos intentos de  mediación do AGA e esixe a desconvocatoria dos paros para sentarse. A parte social está disposta a  suspender a folga mentres se producen as conversas, pero non a desconvocala”. “A empresa está a  botarnos un pulso, porque nos estamos a xogar os dereitos laborais conquistados durante 30 anos  mediante a negociación colectiva; se gañan estenderán a precariedade, porque o que queren son  salarios máis baixos e liberalizar xornada e horarios; queren ter á xente á súa disposición os sete  días da semana”, advirten.  

 Lembran que a compañía estivo en ERTE en varias ocasións o ano pasado polos efectos da covid,  “polo que a Administración debera tomar cartas no asunto e esixirlles que se senten a negociar”, ao  tempo que sinalan que tamén debera ter en conta que a dobre escala salarial que a empresa pretende  prolongar no tempo e a liberalización horaria que quere impoñer atentan contra a lei de igualdade e  contra o dereito de conciliación da vida familiar e laboral.  

Diferenzas salariais de até 5.200 euros ao ano 

 Cómpre relembrar que, “por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas  que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus  compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. Unha dobre  escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis. 

 Xunto a isto, IKF quere que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa  obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na  liberalización dos horarios a dispor da empresa. Ademais, quere introducir cambios no goce das  vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla  15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario