21 de ago. de 2021

VIGO

COMUNICADO DAS SECCIÓNS SINDICAIS DA CIG, CUT E CCOO NO CONCELLO DE VIGO  

 O alcalde de Vigo, tras o arquivo de dúas denuncias presentadas polos delegados da  CIG CCOO e CUT ante o Consello de Contas, PEDIU RECENTEMENTE A DIMISIÓN DOS DELEGADOS SINDICAIS.  

 Feito inaudito cando a laboura dos delegados e a denuncia das irregularidades, neste caso contables sobre o manexo das contas públicas.  

 Dimisión dos delegados por facer o seu traballo e manter no posto a concelleiros que levan anos desmantelando os servizos públicos.  

 Foi moi suave Abel Ramón. Somente pediu a dimisión dos delegados sindicais. Non se atreveu a pedir a disolución, prohibición, dos sindicatos.  

 Sobre o fondo do asunto:  

 Os delegados sindicais presentaron ante o Consello de Contas, órgano dependente da Xunta, fiscalizador das contas dos Concellos, duas denuncias sobre o destino dos fondos de UNESPA (imposto finalista que ten que ser investido en bombeiros) e a posible irregularidade no pago das horas extras.  

 O Consello de contas arquiva os casos, NON PORQUE NON HAXA IRREGULIDADES, SENÓN PORQUE NON SE ACREDITAN SUFICIENTEMENTE.  

 O propio informe xuridico do Consello de contas dice que haberá que investigar.  

 Dende as centrais sindicais anunciamos que seguiremos denunciando estas presuntas irregularidades e que estamos recabando documentación, como indica O ACORDO, QUE NON SENTENZA DO PLENO DO CONSELLO DE CONTAS, para acreditar a veracidade das denuncias.

(R.)

Nota da Redacción de Infogauda:

 Adxunto ao comunicado de prensa, tamén recibimos copia do informa xurídico, que a continuación transcrebemos literalmente.

Asunto.- 180A/2021_9 

ESCRITO DE OBSERVACIÓNS 

 En cumprimento do establecido no punto 2.1 do protocolo para a tramitación de denuncias, aprobado polo Pleno deste Consello de Contas de Galicia na súa sesión do 3 de xullo de 2017, e da Nota Interior da Conselleira responsable da Área de Corporacións Locais, procede a elaborarse o presente escrito de observacións. 

 Observacións referidas ó cumprimento dos requisitos formais.- 

 Danse por reproducidas as consideracións formais recollidas no informe desta asesoría xurídica do pasado 30 de abril dos correntes neste mesmo asunto. Os días 13 e 14 de maio, en contestación ó requirimento realizado en tal sentido, veuse de subsanar as deficiencias sinaladas en materia de representación. O que supón que a cumprimentación formal, do escrito en si, e da súa presentación no rexistro, cumpre os requisitos establecidos no artigo 65.1 do vixente Regulamento de Réxime Interior deste Consello de Contas de Galicia, que regula a tramitación das comunicacións e denuncias. 

 Observacións referidas á valoración da consistencia dos indicios de cara á posible existencia de responsabilidade contable, penal ou administrativa.- 

A. Efectos xurídicos dunha sentenza firme que declara a nulidade de pleno dereito dunha norma. 

 En relación coa valoración xurídica da consistencia dos indicios de responsabilidade, compre indicar que o escrito de denuncia cínguese en comunicar ao Consello de Contas a inexecución dunha Sentenza firme de instancia ditada polo Xulgado do contencioso Administrativo nº 1 de Vigo de 30/09/2019 (confirmada en apelación polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o 1 de xullo de 2020, en adiante TSXG) pola que se anula o Decreto do Concelleiro de Seguridade e Mobilidade de 6.2.2019 do Concello de Vigo. 

 A declaración da firmeza da Sentenza de instancia (por non se recorrida en casación) prodúcese con data 29 de outubro de 2020. No seu escrito os interesados manifestan que a día de hoxe (5 de abril do 2021) continúa sen executarse a sentenza firme.

 O Decreto anulado autorizaba ao Xefe do Servizo de Bombeiros para acordar a suspensión dos descansos  do persoal do Servizo de bombeiros ata completar os mínimos acordados pola Xunta de Goberno Local de  10 de maio de 2010. Do mesmo xeito, autorizábase ao Xefe do Servizo de Bombeiros á suspensión dos  descansos do persoal de cadro ata completar a dotación adicional que resulte indispensable ao efecto de  atender a circunstancias extraordinarias. 

 A Sentenza apelada do TSXG establece que o Decreto impugnado vulnera o artigo 37 do Real Decreto  Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do  Empregado Público, o artigo 153 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en canto a  decisión non foi negociada, o disposto na Directiva 2003/88/CE, sobre Tempo de Traballo, no referente aos  períodos mínimos de descanso diario e semanal, e o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de  Prevención de Riscos Laborais. 

 Respecto ás consecuencias dunha sentenza que declara a nulidade de pleno dereito dunha norma, en  termos estritamente xurídicos e procesuais, conforme a Lei 29/1998 de xurisdición Contenciosa  Administrativa (artigos 72 e 73 da LXCA) os efectos da declaración de nulidade de pleno dereito dunha  norma ou acto xurídico por unha sentenza xudicial produce a eliminación da devandita norma con efectos  “ab initio”, é dicir, conleva privar radicalmente á devandita norma de todo efecto xurídico. Por tanto,  desaparece tanto o seu efecto normativo ou regulador, como o seu efecto derrogatorio, e equivale a  considerar que dita norma, por estar viciada de nulidade na súa orixe ou nacemento, non existiu nunca. Por  iso non poderá xa ser aplicada para supostos de feito ocorridos despois da sentenza anulatoria, pero  tampouco para os ocorridos antes da sentenza.  

 Deste xeito, dende a declaración de firmeza da Sentenza do Xulgado do contencioso Administrativa nº 1  de Vigo, o 29 de outubro de 2020, o concello de Vigo non debería executar ordes que afectase ao réxime  de persoal dos bombeiros do concello que tiveran o seu sustento xurídico no Decreto do Concelleiro de  Seguridade e Mobilidade de 6.2.2019 do Concello de Vigo, xa que foi declarado nulo de pleno Dereito e  expulsado do ordenamento xurídico e carente, polo tanto, de aplicabilidade xurídica. 

 En consecuencia, anulada unha norma nova que derroga ou modifica a outra anterior, queda anulado o  seu efecto derrogatorio ou modificativo, e recobra vixencia a norma vixente anterior. Agora ben, se a norma  nova non é anulada na súa totalidade, senón só nunha parte, subsistindo a parte restante, non se anulou  por completo o seu efecto normativo, senón só o anulado en parte do seu contido. E en tanto subsista,  sequera minimamente, o seu efecto normativo, ha de subsistir, integramente, o seu efecto substitutorio ou  derrogatorio da norma anterior, de modo que esta substitúese pola nova redacción, aínda que parcialmente  anulada.

 Tal e como se reflicte no escrito de denuncia a norma anterior o Decreto anulado é o Acordo Regulador das  condicións económicas e sociais dos funcionarios ao servizo do Concello de Vigo, aprobado polo Pleno da  corporación na súa sesión de 28 de decembro de 1998 e publicado no Diario Oficial de Galicia de 14 de  abril de 1999. 

 Deste xeito, se acudimos á normativa que regula as condicións económicas e sociais dos funcionarios ao  servizo do Concello de Vigo no que estaba incluído o persoal do servizo de bombeiros (acordo aprobado  polo Pleno da corporación na súa sesión de 28 de decembro de 1998) de conformidade coa dicción literal  da Disposición Adicional 3ª establecese que:  

 “As horas en exceso sobre a xornada normal de traballo que se produzan ó longo do ano  compensaranse preferentemente con descansos. Non obstante, cada cuatrimestre, aboaranse  como gratificación por servicios especiais, aquelas en que transcorridos máis de catro meses desde  que se realizaron, non puideron ser compensadas por motivo do servicio.”. 

 O contido da Disposición adicional 3ª (DT3ª) transcrita non impón a obriga de compensar as horas en  exceso sobre a xornada normal de traballo, senón que establece un dereito de preferencia a favor da compensación de horas por descanso, no que se aboarán as gratificacións extraordinarias só se  transcorridos máis de catro meses desde que se realizaron non puideron ser compensadas por motivo das  necesidades do servizo. 

 Certo é que o contido da DT 3ª no contexto actual debe ser modulado polas sentenzas ditadas respecto á  vulneración da Directiva 2003/88/CE, sobre Tempo de Traballo, no referente aos períodos mínimos de  descanso diario e semanal, que implicará que o concello de Vigo logo da anulación xudicial do Decreto  entre a negociar colectivamente o réxime xurídico laboral do persoal do servizo de bombeiros ( xornadas,  roldas, descansos, compensacións e condicións económicas). No Fundamento de Dereito 4ª da Sentenza do  Xulgado do contencioso Administrativo nº 1 de Vigo de 30/09/2019 é categórica neste extremo ao  establecer respecto ao Decreto anulado que: 

 (...) Pues bien, decir que en dicho Decreto tampoco se acuerda que dichas suspensiones de los  descansos sean compensadas con otros días de descanso compensatorio, lo cual solo está  permitido en casos excepcionales, excepcionalidad que ni existe ni se justifica. El hecho de que los  bomberos tengan turno continuado de trabajo de 24 horas debe entenderse como trabajo nocturno  y no ajustado a derecho que dichos trabajadores se le encomienden la realización de horas  extraordinarias de naturaleza estructural. Así, el Decreto de 6 de febrero de 2019, no acuerda que  dichas suspensiones de los descansos sean compensadas con otros días de descanso  compensatorio, más bien que se abonen como horas extraordinarias, lo cual solo está permitido  en casos excepcionales. Decir que dicha excepcionalidad tiene que ser justificada y motivada, y en el presente caso no se ha demostrado los motivos para adoptar tal medida lo cual pudiera en  algunas ocasiones conllevar que los trabajadores se vieran obligados a doblar turnos de 24 horas  en días consecutivos.” 

 Por outra banda, é doutrina do TS que sinala que é competencia do Tribunal que ditou a sentenza firme  que se ha de executar, normalmente pola vía incidental, establecer se a Administración, como mera  executora ou mandataria, cumpriu nos seus propios termos o ordenado pola sentenza firme, xa que a  potestade de execución dunha resolución xudicial enmárcase no ámbito da execución da sentenza, baixo o  principio de tutela xudicial efectiva, na súa vertente de facer executar o xulgado ( arts. 24, 117 e 118 CE,  e 18 LOPJ). Potestade executoria dos órganos xudiciais que o Consello de Contas debe de respectar.

 Asemade, a anulación dunha norma por ilegal non ten como consecuencia directa per se o nacemento da  responsabilidade contable por alcance, como se analizará no seguinte apartado segundo a doutrina  xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS) e do Tribunal de Cuentas ( TCU).  

 B.- Análise xurídica preliminar sobre a existencia de indicios de responsabilidade  contable. 

 Respecto á análise dos indicios de responsabilidade contable, como ten sinalado o Tribunal de Cuentas nas  súas sentenzas (entre outras Sentencia do 30 xuño 1992, ou Sentencia do 20 outubro 1995) para que exista  responsabilidade contable debe existir unha acción ou omisión atribuíble a unha persoa que teña ó seu  cargo o manexo de caudais ou efectos públicos, que esa acción despréndase da contas que deba render,  que esa conducta supoña unha vulneración da normativa orzamentaria e contable, que exista un  menoscabo efectivo e individualizado respecto a determinados efectos e que sexa avaliable  economicamente, e unha relación de causalidade entre a acción ou omisión e o dano efectivamente  producido. 

 No presente caso, en opinión desta asesoría non pode deducirse prima facie que os pagos obxecto da  controversia foron indebidos e xeraron responsabilidade contable se, previamente, non se analiza a  existencia dun título xurídico que habilitaba para que se fixeran os pagos das gratificacións extraordinarias. Os pagos a determinado persoal do servizo de bombeiros do concello, antes da anulación por Sentenza  xudicial firme o 29 de outubro de 2020, estaban sustentados no Decreto do Concelleiro de Seguridade e  Mobilidade de 6.2.2019 do Concello de Vigo, sendo asumido pola Corporación Local. 

 Compre incidir neste escrito de observacións xurídicas, que se descoñece por esta asesoría xurídica se se  fixeron pagos en concepto de gratificacións extraordinarias amparados no Decreto anulado con data  posterior o 29 de outubro de 2020.No escrito de denuncia ponse de manifesto que ditos pagos “indebidos”  continúan na data na que presenta a denuncia ao Consello de Contas, pero non se acreditaron eses pagos  polos denunciantes mediante proba documental que sustente tal afirmación. Cuestión que correspondería comprobar ao concello de Vigo e, de selo caso, certificar ou acreditar ao órgano de Intervención Xeral do  concello, tal e como se solicita polos denunciantes como suplico no escrito de denuncia. 

 O Tribunal Supremo (por todas a sentenza de 28 de novembro 2012) tense pronunciado ao efectos da  consideración legal de "pagos indebidos" a efectos de responsabilidade contable, establecendo que os  actos administrativos que autorizaron o abono dos complementos retributivos poderán serválidos e eficaces  se ao tempo en que foron ditados se poden fundamentar nunha norma aprobada polo Pleno da entidade  municipal que lle poidan outorgar aos pagos efectuados un fundamento de legalidade. Certo é, que para o TCU e para o TS a mera existencia material dun contrato, convenio, pacto, resolución ou acordo non  implica necesariamente a corrección xurídica dos pagos que se derivan deles pois, se devanditos títulos  adoecen de vicios xurídicos relevantes, non poderán constituírse en causa legal xustificativa das saídas de  fondos que sexan consecuencia deles. 

 Por outra banda, para declarar a existencia dun alcance nos fondos públicos, resultaría obrigatorio para a  determinación do alcance proceder á correspondente avaliación económica individualizada, que, como xa  apuntamos, non se efectuou a día de hoxe no concello de Vigo nin se acreditou tampouco polos  denunciantes na documentación que se achega co escrito de denuncia. 

C. Conclusión da asesoría xurídica 

 Tendo en conta as consideracións xurídicas expostas sobre os efectos dunha sentenza que declara a  nulidade de pleno dereito dunha norma, así como os requisitos para a concorrencia da responsabilidade  contable por alcance, en opinión desta asesoría a verificación da existencia e concordancia dos actos  concretos denunciados para determinar a existencia de responsabilidade derivada dos mesmos, precisaría  dun traballo de investigación e concreción que podendo ser realizado polo persoal desta Institución, non  corresponde valorar a súa oportunidade de realizalo á asesoría xurídica. 

Santiago de Compostela  

Asinado electronicamente 

Patricia Iglesias Rey 

Letrada Maior do Consello de Contas.

Á CONSELLEIRA DA ÁREA DE CORPORACIÓNS LOCAIS

Ningún comentario:

Publicar un comentario