Novo lanzamento de Catro Ventos Editora
«Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!» de Chis Oliveira e Priscila Retamozo
Isidro Dozo / Vigo
Novo lanzamento de Catro Ventos Editora. Trátase do libro Comando igualdade. a mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!, unha obra de Chis Oiveira e Priscila Retamozo que conta ademais cun prólogo de Ledicia Costas.
Sobre a obra
Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas! explica o porqué da formación deste colectivo vigués integrado por adolescentes que foi tomando forma nas aulas de Filosofía dun instituto, o debate social e transversal que busca xerar a mocidade que o conforma e a necesidade de que exista un Comando Igualdade non só en todos os centros de estudos, senón tamén en calquera recuncho da sociedade.
Nun mundo que nos ensina a odiarnos, querérmonos é revolucionario. Chis Oliveira e Priscila Retamozo, ao comezo mestra e alumna, e agora compañeiras, son as autoras deste manual para desaprender condutas sexistas que non sabiamos que tiñamos inculcadas e automatizadas, para deixar atrás a miopía dos prexuízos que non nos deixan ver con nitidez e para pór en práctica a equidade, a empatía e a corresponsabilidade de forma colectiva e horizontal, e dende unha perspectiva ecofeminista.
A revolución comeza nas aulas! Soñamos con comandos en todas as realidades (na escola, no traballo, nos adestramentos, nas clases de pintura…), e neste libro tes as chaves para formar o teu. Fai parte do cambio e consigue que a igualdade sexa a verdadeira medida de todas as cousas.
Sobre a autoría
Chis Oliveira Malvar (Pontevedra, 1957) Catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo-sexual, foi profesora en diferentes mestrados de Xénero, presidenta da ONG Federación de Planificación Familiar de España, impulsora do Comando Igualdade e unha das fundadoras de Enxergo e Nexos de Didáctica da Filosofía.
Chis é todo un referente na educación con perspectiva de xénero e foi galardoada cos premios Educación y Sociedad, Premio Irene, Viguesa Distinguida, Coeducación CLAVICO, Mulleres en Acción e Premio Ernestina Otero.
Entre os seus máis de trinta libros, salientan Ám@me (Galaxia, 2018), Eros: Materiais para pensar o amor (Xerais, 1994) e La educación sentimental. Una propuesta para adolescentes (Icaria, 1998).
Priscila Retamozo Ramos (Bos Aires, 1993) Politóloga e cun mestrado en Igualdade de Xénero, está especializada en coeducación, violencia contra as mulleres e políticas públicas con perspectiva de xénero. Traballou como asistente técnica na ONU Mulleres Ecuador en prol da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, e actualmente combina a coordinación do Comando Igualdade co labor de relatora e formadora para a sensibilización e prevención da violencia de xénero, o fomento do bo trato e a coeducación. Este é o seu primeiro libro.
A obra sairá á venda o 02/09/2021, momento no cal chegará a todas as librarías de Galicia, se ben comeza a súa prevenda o 13/08/2021 para ir collendo forza de cara ao novo curso escolar. Trátase dun título moi acaído para entender e atender as condutas sexistas na mocidade nun ámbito tan importante como é o do ensino.



Ningún comentario:
Publicar un comentario