Entregada a Compostela 70.000 que certifica a recuperación do Camiño de Santiago
Cunha media de máis dun milleiro de compostelas seladas ao día, as rutas xacobeas seguen recuperando camiñantes, que elixen maioritariamente o itinerario Francés
Infogauda / Santiago de Compostela
O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino selou a Compostela 70.000 no que vai de ano, confirmando así a reactivación na chegada de peregrinos á tumba do Apóstolo. Nesta primeira quincena do mes de agosto, o ritmo de chegada de peregrinos a Compostela confirmou a boa saúde do Camiño, que recibe unha media de máis dun milleiro de peregrinos ao día, que rematan a súa experiencia na Catedral para logo trasladarse ao Centro Internacional de Acollida para recoller a súa certificación. De feito, na xornada de onte seláronse máis de 1.800 Compostelas.
Neste mes de agosto xa foron máis de 16.600 os peregrinos que recolleron a súa acreditación, polo que se prevé que agosto peche con mellores cifras na chegada de peregrinos respecto ao mes de xullo, no que se selaron 34.000 Compostelas. Desde comezos de ano son máis de 70.770 os peregrinos chegados a Compostela, pero cómpre destacar que esta cifra acadouse practicamente nos últimos catro meses, xa que durante o primeiro trimestre do ano, a chegada de peregrinos foi case anecdótica por mor das restricións derivadas da pandemia.
A maior parte dos peregrinos que completan o Camiño son de orixe nacional, máis do 70% cun total de máis de 51.600 como consecuencia da situación sanitaria que aínda estamos a vivir, que restrinxe a mobilidade para os viaxeiros internacionais. Deles, as comunidades autónomas que aportan un maior número de peregrinos son Andalucía e Madrid, seguida de Galicia, Comunidade Valenciana e Cataluña. Debido á proximidade con Galicia, Portugal é outro dos destinos que máis peregrinos achega con máis de 4.200 desde comezos de ano, o que supón o 6% do total.

Ningún comentario:
Publicar un comentario