17 de ago. de 2021

TOMIÑO

Últimos días para apuntarse ao xa tradicional Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández  

Organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, o certame terá lugar o vindeiro domingo en ambas as dúas vilas, habendo xa máis de 40 persoas inscritas    



Infogauda / Tomiño

 A 9ª edición “Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández - Eurocidade Cerveira-Tomiño”, reunirá unha vez máis a varias decenas de artistas plásticos de Galicia e Portugal.  

 Organizado pola Eurocidade coa colaboración do Concello de Tomiño e a Cámara Municipal de Cerveira, o certame terá lugar o vindeiro domingo 22 de agosto en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira.   

 Poderán participar todas as persoas maiores de idade e nenos e nenas acompañados por adultos, que serán os seus responsables en todo momento.  

 O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar da páxina web da Eurocidade. O procedemento e a técnica serán libres.   

 A obra deberá realizarse ao aire libre, do natural (non se permite a utilización de fotografías) e in situ. O incumprimento por parte dos participantes desta norma suporá a descualificación automática do concurso.   

 A inscrición é absolutamente gratuíta e poderá realizarse até o 20 de agosto (incluído) a través da páxina web da Eurocidade por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19, a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online, e non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame, como viña facéndose ata agora.   

 As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández, de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.  

Os premios establecidos serán os seguintes: 

Categoría adultos: 

• 1º Premio: 1.500 euros. 

• 2º Premio: 500 euros. 

• 3ª Premio: 500 euros. 

Categoría infantil: 

• 1º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€. 

• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€. 

Categoría xuvenil: 

• 1º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 100€. 

• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€  

 Poden consultarse as bases completas na páxina web do Concello de Tomiño ou na da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario