11 de ago. de 2021

PATRIMONIO

A Xunta de Galicia participa na conmemoración do centenario da declaración como Monumento Nacional da igrexa de Santa Comba


O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, e outras autoridades,  na celebración do centenario da declaración de Santa Comba de Bande como Monumento Nacional

Foto: X.G.

Infogauda / Bande (Ourense)

 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, representaron esta mañá a Xunta de Galicia na celebración do centenario da declaración da igrexa de Santa Comba de Bande como Monumento Nacional; un 11 de agosto do ano 1921.

 Trátase dun Ben de Interese Cultural (BIC) no que a Xunta está a investir permanentemente na súa conservación e na divulgación do seu legado único. Proba delo foi a recente visita do 17 de abril do Vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, onde fixeron o anuncio da rehabilitación integral da reitoral que suporá un investimento de 424.000 euros por parte do Goberno galego.

IGREXA MONACAL DE SANTA COMBA DE BANDE

 Datada no s.VII, é a única construción que se conserva dun antigo mosteiro, sendo declarada Monumento Histórico Artístico en 1921. De reducidas dimensións, o exterior caracterízase polo sabio xogo de volumes. Presenta unha planta de cruz grega, precedida dun pórtico aos lados do cal se dispoñían dúas estanzas. O mesmo sucede nos ángulos da cruz, polo que no seu trazado exterior, a igrexa aparece como un gran rectángulo do que tan só sobresae unha ábsida de planta rectangular. O interior, dunha grande austeridade, está totalmente abovedado, a excepción das estanzas laterais que presentan teitume de madeira. Sobre o cadrado do cruceiro álzase un cimborrio cuberto por bóveda de aresta, construída en ladrillo. A ábsida que posúe a bóveda de canón, arranca cun friso decorado e presenta unha fermosa celosía de mármore calado. Consérvanse da época visigoda: arco de ferradura marcando a ábsida e outros catro arcos de ferradura no arranque das bóvedas de canón (parecen de medio punto porque o motivo sogueado ocúltaos). Atopámonos elementos alleos ao plan visigodo, non só referidos á restauración do s.IX, senón tamén materiais da etapa romana reutilizados: dúas das columnas do altar, a lousa de mármore da mesa do altar, dúas aras, un miliario reconvertido en pila bautismal, etc.   

 Decorada con pinturas do século XVI. No testeiro represéntase a escena da Anunciación da Virxe, co anxo Gabriel, a pomba do Espírito Santo e unha figura cunha casulla, posiblemente S. Martín.  Na bóveda Deus Pai co seu Fillo crucificado en brazos e os catro evanxelistas cos seus símbolos. No intradós o sol e a lúa sobre fondo estrelado. Tamén aparecen pintadas palmas e ácimos na bóveda e no intradós.   

 Na capela da dereita atopámonos o sarcófago de San Torcuato, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago. Os seus restos estiveron no mesmo ata o século X, cando foron levados ao Mosteiro de San Salvador de Celanova. O sepulcro aparece moi desgastado porque os devotos raspábano, para levar o po do mesmo como reliquia. 

 Fóra do muro do templo pódense vé-los restos dunha capela anexa onde se practicaban bautizos para que a xente puidera entrar na igrexa como cristiáns. Hoxe aínda se conserva a pila bautismal. Pegado aos muros do atrio atópase unha fonte chamada o Pociño dos Namorados.

Fonte: Turismo de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario