5 de ago. de 2021

O ROSAL

Contacontos e música tradicional este sábado ás 20.00 horas na praza do Calvario  

A entrada para ambos espectáculos é de balde e, no caso de choiva, o evento trasladarase ao pavillón municipal.   




Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa co seu verán cultural cheo de actividades. O próximo sábado ás 20.00 horas a praza do Calvario acollerá ao contacontos “Xan das Ondas”, e ás 21.00 h a Asociación Folklórica Corisco ofrecerá unha actuación de danza tradicional. A entrada para ambos espectáculo é de balde e, no caso de choiva, o evento trasladarase ao pavillón municipal.  

 O contacontos “Xan das Ondas” ten como protagonista a Xan,  un rapaz ao que lle gusta moito o mar. Unha mañá descubre que non ten ondas e parece que está moi enfermo, así que emprende unha gran aventura mergullándose no máis profundo dos océanos para descubrir por que o mar non ten ondas. Nesta viaxe Xan fará moitos amigos e coñecerá ós habitantes dos mares.  Os nenos e nenas do Rosal que o acompañen nesta viaxe tamén deben preguntarse como salvar ao mar da súa doenza.  

 A Asociación Folklórica Corisco, fundada 1987, ten o obxectivo de enxalzar o folclore galego en toda a súa magnitude. Conta con dúas seccións fundamentais, a de baile e a de percusión. O grupo de danza que actuará o sábado no Rosal está formado por 35 persoas, divididos en parellas mixtas, e tenta  reflectir en todas elas o seu amor pola cultura tradicional.  

 Esta actuación forma parte do proxecto Coñece O  Teu  Camiño, e conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario