5 de ago. de 2021

A GUARDA

“Estamos no Verán” chegará cun concerto infantil e un espectáculo circense 

• O martes 10 de agosto concerto infantil coa Banda do Verán ás 20:30h no Auditorio de San Bieito e o xoves 12 de agosto Gran Gala de Circo a cargo de Pistacatro ás 20:30h no Auditorio de San Bieito. 

• É preciso inscribirse nas actividades previamente en www.aguarda.es 



Infogauda / A Guarda 

 A programación do verán continúa na Guarda con “Estamos no Verán”, actividades deseñadas para o público infantil que terán lugar no Auditorio de San Bieito. 

 Por unha banda o martes día 10 de agosto ás 20:30h o Auditorio de San Bieito acollerá un concerto infantil coa “Banda do Verán”. Un espectáculo familiar totalmente participativo de música e danza, onde os máis pequenos poderán vivir o seu particular verán.   

 O público atopará neste evento cancións creadas por Xoán Curiel co verán como protagonista e diferentes estilos: pop, reggae, bossa nova,… 

 Tamén estará presente a danza través do vínculo co público da bailarina Pia Nicoletti durante todo o espectáculo.    

 A Banda do Verán, foi premiada cos Premios Martin Codax, na categoría infantil, e nos Frei Martin Sarmiento. Ademais, o disco foi nomeado como “Mejor Álbum en Lengua Gallega” nos VI Premios da Música Independente.    

 Continúa a programación o xoves 12 de agosto ás 20:30h no Auditorio de San Benito co espectáculo circense “Gran Gala de Circo”, unha das especialidades de PistaCatro. Os Cabarés de PistaCatro inscríbense na mellor tradición dos espectáculos de variedades, tanto dos circos coma do music-hall, onde se poden mesturar os números de malabares, a canción, os sketchs de humor, os monólogos, as acrobacias e os pasos de claqué, entre outros. O público gozará dun espectáculo multidisciplinar e variado a cargo dun determinado número de artistas que dan o mellor de si mesmos en pequenas pezas de cinco ou dez minutos. Todo isto conducido por un mestre de cerimonias, que se encargará de fomentar a participación do público, de aportar o ton cómico e de administrar as pequenas doses de arte concentrado.  

 As actividades contan cun protocolo covid-19 de seguridade e un aforo reducido polo que é preciso realizar unha inscrición previa na seguinte ligazón: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda 

Ningún comentario:

Publicar un comentario