8 de ago. de 2021

GALICIA

O conselleiro de Sanidade considera “decepcionante” o reparto de vacinas por parte do Goberno central, que suporá ralentizar a inmunización da poboación galega  

Julio García Comesaña anuncia que, polo de agora, non se poderán abrir máis ocos para autocitas


Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia
Foto: X.G.

Sobre a reducción da metade das doses previstas de Moderna, o conselleiro subliña que se reprograman as primeiras doses para poder garantir as segundas a quen xa lle corresponden  

Lamenta que Galicia terá que ralentizar o ritmo de vacinación


Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, amosouse hoxe decepcionado ao constatarse que a nosa Comunidade Autónoma non vai recibir nin unha soa das 3,4 millóns de doses extra anunciadas a semana pasada polo presidente do Goberno.

 Tal e como sinalou o máximo responsable sanitario da Xunta, Galicia é unha das comunidades que máis e mellor leva vacinado. Así, foi quen poñer todas as vacinas que foron chegando, xa que compre recordar, -remarcou García Comesaña-, que son as comunidades autónomas as que organizan toda a campaña e as que poñen as vacinas.

 A nosa comunidade sempre estivo nos primeiros lugares tanto en doses administradas respecto ás recibidas, e no número de vacinas postas en poboación maior dunha certa idade. Neste senso, na actualidade, Galicia é das primeiras comunidades en poboación maior de 40 anos coa pauta completa. É dicir, ten uns niveis de vacinación francamente bos, -destacou García Comesaña-. Estes niveis, son froito do traballo do grupo de profesionais que fan este proceso, así como da poboación que acode de xeito masivo ás convocatorias, -remarcou o responsable da Consellería de Sanidade-.

 Neste contexto, e cando España recibe unhas doses extras por esa eficiencia, sendo Galicia unha das comunidades que máis está a contribuír a ese logro, descubrimos tarde e mal, -dixo o conselleiro-, que Galicia non recibirá ningunha desas 3,4 millóns de doses anunciadas por Pedro Sánchez a semana pasada.

Reprogramación

 Galicia terá, este mes de agosto, menos doses das que tivo en xuño e en xullo, “o que non é de recibo”. As consecuencias son evidentes, porque ademais da mala noticia de que Galicia non recibirá nada desta partida “extra”, hai que salientar que, nesta semana e a seguinte, o envío de viais de Moderna se reduce un 50%, o que significa que, “non podemos administrar esas primeiras doses, posto que debemos garantir as segundas, que xa corresponden por tempo”. “A estas persoas se lles administrará Pzifer, grazas á reserva estratéxica que fai a nosa Comunidade”, engadiu.

 Polo demais, “estivemos a traballar para poder manter o resto das citas da semana que vén, o que non poderemos é facer o envío previsto dun número importante de SMS para novas citas, nin tampouco, polo momento, abrir mais ocos para autocitas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario