12 de ago. de 2021

DEPORTES

O ACANOR NOVÁS VALINOX E O CONCELLO DO ROSAL PRESENTAN UNHA NOVA EDICIÓN DO SEU TROFEO DE BALONMÁN 

· O venres día 27 e o sábado día 28 de agosto. o equipo rosalés competirá polo título contra o Frigoríficos do Morrazo, o Póvoa de Varzim e o ADA Maia Ismai  

· As entradas pódense adquirir a través da plataforma Cluber e no pavillón municipal   


O  Acanor Valinox e o Concello do Rosal presentaron a XXIII edición do Trofeo Balonmán Concello do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O  Acanor Novás Valinox e o Concello do Rosal presentaron a XXIII edición do Trofeo Balonmán Concello do Rosal, unha competición de verán que dende o club buscan poñer de novo como data preferente no calendario estival dos seguidores do equipo e do balonmán en xeral.  


Cartel do XXIII Trofeo Balonmán Concello do Rosal

 Nesta edición o Acanor Novás Valinox competirá o venres día 27 e o sábado día 28 de agosto, contra o Frigoríficos do Morrazo, de Cangas, un habitual neste trofeo, e dous equipos da zona media alta da Superliga portuguesa: o Póvoa de Varzim e o ADA Maia Ismai, que xa foi integrante do cartel noutras tempadas.   

 As entradas xa están á venda, mediante a plataforma Cluber (bono xeral: socios pasada tempada 10€/non socios 12€, e entrada diaria: socio pasada tempada 6€/non socios 8€). Estes prezos son a partir dos 12 anos, sendo gratis para os menores desa idade que acudan acompañados dun adulto. Tamén se poderán retirar os días 17, 19 e 24 de Agosto en horario de 20:00 a 21:20 h nas oficinas do Municipal.  

 O trofeo Concello do Rosal será a posta en escena ante a súa afección do Acanor Novás Valinox que comeza este xoves día 12 de agosto a súa preparación e disputará o seu primeiro encontro o próximo dia 18 en Carballo, ante o Calvo Xiria, nos cuartos de final da Supercopa Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario