5 de ago. de 2021

A GUARDA

Portos de Galicia mantén pechado o peirao do ferri A Guarda-Caminha dende o día 27 de xullo 

"(...) As reparacións remataron, segundo as informacións que ten o concello, o 29 de xullo (...)" 

"(...) A pesar de que remataron as obras, Portos mantén pechado o acceso ao peirao e o ferri segue sen poder funcionar (...)"


Esa sinal prohibe o acceso de persoas e vehículos a plataforma de atraque do transbordador no porto da Pasaxe (Camposancos)

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Como informou este xornal dixital transfronteirizo na súa edición do pasado día 27 de xullo, o transbordador "Santa Rita de Cássia" volta estar inactivo por causa dunha avaria nas instalacións do porto da Pasaxe (Camposancos). Esta nova interrupción vén a sumarse aos seis meses de inactividade do servizo de transporte entre as localidades de Caminha (Portugal) e de A Guarda (Galicia), motivados por decisión da Câmara Municipal de Caminha, propietaria do barco, dado que encomendoulles aos tripulantes outros cometidos de atención á poboación caminhense afectada pola pandemia da Covid-19.

  Na tarde deste xoves día 6 de agosto de 2021, o equipo de goberno municipal do Concello de A Guarda que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo público o seguinte comunicado:

 "O día 23 de xullo o patrón do ferri Santa Rita de Cássia detectou un escoramento anormal na plataforma de atraque do transbordador entre A Guarda e Caminha, feito que se puxo, de forma inmediata, en coñecemento dos responsables de Portos de Galicia, na actualidade propietarios e xestores da estrutura. 

 A partir do día 27 de xullo, Portos de Galicia pechou a instalación para facer reparacións de urxencia co obxectivo de recobrar a estabilidade da plataforma. As reparacións remataron, segundo as informacións que ten o concello, o 29 de xullo. 

 A pesar de que remataron as obras, Portos mantén pechado o acceso ao peirao e o ferri segue sen poder funcionar. Dende Portos comunicaron ao concello que non se permitiría o uso da plataforma para o tránsito de ningún tipo de vehículo debido ao estado avanzado de corrosión que, segundo a Portos, coloca a estrutura nun nivel de servizo inferior a aquel para o que foi deseñado. 

 Hai que recordar que o concello da Guarda paga unhas taxas á Xunta, que dependen do número de pasaxeiros e de vehículos que utilicen o transporte, para poder usar a plataforma de atraque. O concello leva pagando estas taxas dende o comezo do funcionamento do ferri en 1995. 

 En vista da urxencia da situación o concello da Guarda dirixiuse a Portos de Galicia solicitando que abra de novo o peirao do ferri e que poida comezar a funcionar o transporte. Hai que ter en conta que é neste mes de agosto cando máis demanda hai deste transporte transfronteirizo entre A Guarda e Caminha. 

 Así mesmo o concello solicitou a Portos de Galicia a que faga as reparacións necesarias na plataforma para que, a maior brevidade posible, poidan embarcar de novo vehículos dado que o transporte de vehículos é a principal demanda a hora de cruzar o esteiro do Miño en ferri."

Ningún comentario:

Publicar un comentario