"A Viaxe de Exeria ao Castro"
As teatralizacións no Monte Santa Trega voltarán os días 1 e 8 de setembro
Infogauda / A Guarda
Tralo éxito das representacións "A Viaxe de Exeria ao Castro" e tendo en conta que no mes de xullo dúas datas foron suspendidas por mor dos protocolos COVID-19; as funcións teatrais que se repetiron cada mércores do verán prorrogarán a súa programación por dúas semanas mais, adaptando, iso si, os horarios ás xornadas mais curtas que teremos no mes de setembro. Deste xeito as novas representacións quedan para os mércores días 1 e 8 de setembro, en dous pases diferenciados, o primeiro ás 18:00h. e o segundo ás 19:30h.
Ao igual que nas sesións precedentes, o aforo é limitado e con reserva previa no correo electrónico: centrocultural@aguarda.es (indicando o nome e apelidos dos asistentes e un número de teléfono). O punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
"A Viaxe de Exeria ao Castro" é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo do Monte Santa Trega estaba habitado. Cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra - Gallaecia -, chea de proxectos, entre os que está a conversión do castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no s. IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular - Gallaecia - emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de Monte Casino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria,... Entre outros lugares Éxeria visitou en Seleúcida o martyria - que en galego, vén sendo 'martirio' e que procede do grego martyrion, que significa 'testemuña' - a Santa Tecla, sendo esta unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.
Esta actividade conta coa subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario