30 de xul. de 2021

VIGO

A CIG oponse ao acordo de ERTE en Barreras, que segue negándose a garantir a continuidade produtiva 

Infogauda / Vigo

 O ERTE asinado no día onte por UGT no estaleiro Barreras "evidencia - segundo denuncia a CIG - a total falla de vontade por parte da dirección da empresa por asegurar a continuidade da actividade." Dito acordo contou "coa frontal oposición da CIG, ao entendermos que o único que procura é facilitarlle o camiño a Ritz Carlton para liquidar o estaleiro, transferindo aos traballadores e ás traballadoras os custes das súa nefasta xestión á fronte do estaleiro, que o está levando ao abismo."  

 "Despois de prescindir de todo o persoal das empresas auxiliares e de despedir a todo o persoal eventual do estaleiro, agora Barreras manda literalmente ao paro a 124 traballadores e traballadoras durante un ano." A empresa, denuncia Alberto Gonçalves, secretario da CIG de Vigo, "non foi quen de poñer enriba da mesa ningunha garantía de que a actividade se vai reiniciar nalgún momento.  É máis, o acordo asinado por UGT non foi capaz nin de recoller un compromiso tan concreto como é que o Evrima regrese a Vigo para o seu remate". 

 Para Gonçalves resulta ademais "inaceptábel que se 'pastelee' un ERTE destas características" nun contexto marcado pola brutal represión sindical, "no que ás portas da súa negociación a dirección da empresa atreveuse a despedir de maneira inxusta e ilegal o delegado da CIG, co único obxectivo de amedrentar o cadro persoal". 

 Desde a CIG indican que esta central "seguirá dando a batalla, a través da mobilización e do conflito, para esixir non só a inmediata readmisión do seu delegado, senón, sobre todo, para reclamar solucións que blinden o futuro deste estaleiro imprescindíbel para o sector naval de Vigo."  

 Unhas solucións que pasan pola intervención pública directa, diante da nefasta xestión e da incapacidade demostrada pola actual dirección privada, "para o que a Xunta do Partido Popular e o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos teñen que deixar de ollar para outro lado e actuar para evitar o desastre que suporía a liquidación de Barreras. Dende a CIG non imos parar até lograr solucións de futuro para Barreras", sentenza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario