A CIG REALIZOU UNHA MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO SECTOR NAVAL
Con esta mobilización a central sindical denunciou tamén a represión sindical que se vive en Barreras tras o despido do seu representante no comité de empresa
Infogauda / Vigo
A Unión Comarcal da CIG de Vigo realizou este xoves día 15 de xullo, ás 19:00 horas, dende o cruce da Dobrada (Vigo), unha manifestación en defensa do naval e para reclamar un futuro industrial para a bisbarra, ante a grave crise que atravesa o sector, cos dous principais estaleiros a piques de desaparecer definitivamente.
Con esta mobilización a central sindical denunciou tamén "a represión sindical que se vive en Barreras tras o despido do seu representante no comité de empresa".
INTERVENCIÓN DE PAULO CARRIL, SECRETARIO XERAL DA CIG
Ao remate da manifestación Paulo Carril, secretario xeral da CIG, fixo á seguinte interevención:
"Hoxe estamos aquí para demandar futuro industrial para o sector naval, contra o terrorismo patronal e contra a represión sindical polo despedimento do compañeiro delegado da CIG en Barreras, Rafa Pérez.
E facemos esta manifestación coa lexitimación dos moitos meses, xa anos, esixindo medidas dos Gobernos para evitar o naufraxio do sector naval, que estamos a ver que non fan nada.
E o que fan é permiten que as Empresas, que os Fondos de Investimento, fagan o que lles pete, por riba aproveitándose dunha Reforma Laboral que aínda non está derogada para que o capital execute con total liberdade a desfeita laboral, social e industrial que estamos a vivir.
O futuro industrial de Vigo, como en Galiza, está en xogo, senón nos mobilizamos para demandar viabilidade e carga de traballo para o sector naval e para evitar que noutros sectores industrias, como o da automoción, a deslocalización, a precariedade e os despedimentos vaian en aumento, Porque sen industria, non hai futuro.
Aquí ninguén está a salvo, tendo en conta a nula política industrial da Xunta, a inacción do Goberno estatal e o silencio cómplice do Concello de Vigo ante esta realidade.
Estamos nunha situación de auténtico “cóctel explosivo”: crise do naval que se está a estender a boa parte dos estaleiros (Vulcano, Barreras, Metalships, etc), vixencia da reforma laboral e novas reformas antiobreiras en marcha e a entrada en vigor do convenio provincial do metal. Non pode ser que sexan os consellos de administración das empresas os que decidan o futuro do sector naval; ten que haber unha acción clara, decidida e contundeante das Administracións públicas, que para nos pasa por unha intervención pública directa, que Barreras se desprivatice, volva á SEPI, de onde nunca debera ter saído, e que os xestores pasados e presentes de Barreras den conta nos xulgados do roubo, do espolio e da delincuente xestión que teñen feito no estaleiro, pero tamén dos centos de despedimentos que nas auxiliares e na principal teñen causado.
Non pode ser que ante o escándalo que está sucedendo en Barreras, as vítimas sexamos os traballadores e os ladróns de pescozo branco e gravata sigan impunes.
Hai que parar esta sangría de desmantelamento do naval. E non se pode deixar pasar máis tempo, porque corremos o perigo de que Barreras se converta nun novo Vulcano.
Non pode ser que sexan os consellos de administración das empresas os que decidan o futuro do sector; ten que haber unha acción clara, decidida e contundente das Administracións públicas. Hai que parar esta sangría de desmantelamento do naval. E non se pode deixar pasar máis tempo, porque corremos o perigo de que Barreras se converta nun novo Vulcano.
Por iso desde a CIG levamos meses reclamando unha Saída Galega Xusta da Crise e dun Plano de Emprego e Industrialización, e que para Salvar o naval de Vigo que pasa pola creación urxente polas Administracións Públicas dunha Mesa para abordar a crise do naval vigués para tomar 3 urxentes medidas:
1.- Unha solución estábel e duradeira para o estaleiro de Barreras a través do proceso de retorno ao sector público. Recuperar a actividade nas instalacións de Vulcano mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.
2.- A conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño etc., e investimentos comúns en tecnoloxía, I+D+i.
3.- Pola diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e despois un financiamento para desenvolver os proxectos, e todo isto acompañado duns beneficios fiscais.
Que non perdan o tempo, que escoite a Patronal e os quen actúan ao seu servizo, incluso vestidos de buzo con espontáneos e radicais discursos, que con despedimento de Rafa nos van calar, non van amedrentar, non nos van intimidar a CIG, non lles temos medo. Por iso imos continuar coas mobilizacións para esixir a readmisión do compañeiro e demandar solucións que garantan o futuro do sector naval.
A CIG, como historicamente vimos facendo, non imos equivocar os tiros nin os pasos a dar e non imos permitir que se cumpran os peores presaxios para o sector naval.
A nosa aposta por defender o sector non vai ter ningún límite na mobilización e na reivindicación porque se trata dunha industria chave para a comarca e para o conxunto do país.
Ánimo e Adiante!!!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario