A Xunta de Galicia saúda a chegada a Santiago do peregrino 50.000 logo de percorrer o Camiño portugués da Costa
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recibiu a María Pilar Acuña no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, ao que chegou cun grupo do proxecto Camiño Verde
A peregrina recibiu a certificación de mans de Segundo Pérez, cóengo delegado de Peregrinacións
Infogauda / Santiago de Compostela
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recibiu hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a María Pilar Acuña, unha moza de Mos que recibiu a súa acreditación como peregrino 50.000 do ano 2021 logo de percorrer o Camiño Portugués da Costa xunto cos seus compañeiros do proxecto Camiño Verde, unha proposta de Acción Solidaria de Galicia (Asdegal) que forma parte do programa O teu Xacobeo.
María Pilar Acuña, que é a segunda vez que percorre o Camiño de Santiago, recibiu de mans de Segundo Pérez, cóengo delegado de Peregrinacións, a súa Compostela e a certificación como peregrino 50.000 do ano, así como un libro e unha medalla do Ano Santo.
A moza chegou a Santiago de Compostela xunto cun grupo de participantes no proxecto Camiño Verde, que partiu o pasado 6 de xullo da Guarda e que chegou a Compostela logo de percorrer máis de 160 quilómetros do Camiño Portugués da Costa. Ademais de polo vicepresidente primeiro, o grupo foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Camiño Verde é unha iniciativa da organización non gobernamental Asdegal que promove a dignidade das persoas independentemente da súa condición e que leva a cabo accións solidarias e ambientais, de tal xeito que o grupo aproveitou a súa peregrinación para desenvolver tarefas de limpeza e sensibilización ambiental no Camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario