21 de xul. de 2021

TUI / VALENÇA DO MINHO

As artes de rúa conquistarán a Eurocidade Tui-Valença esta fin de semana

DENDE O VENRES AO DOMINGO HABERÁ 24 ESPECTÁCULOS NAS RÚAS E PRAZAS DOS DOUS MUNICIPIOS. 

CELÉBRASE O I FESTIVAL INTERNACIONAL DE ARTES DE RÚA DA EUROCIDADE TUI-VALENÇA 


A presentación deste festival tivo lugar na Pousada de San Teotonio en Valença do Minho polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Câmara Municipal de Valença, Manuel Lopes, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira
Foto C.T.

Infogauda / Tui / Valença do Minho

 As artes de rúa conquistarán esta fin de semana a Eurocidade Tui-Valença coa primeira edición do Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença. Dende este venres, 23 de xullo, ao domingo 25 de xullo, haberá un total de 24 espectáculos para público familiar no Jardim Municipal, no Jardim das Amoreiras e no Governo Miitar en Valença e na praza do Concello, o Paseo da Corredoira e o Paseo Fluvial de Tui.  

 A presentación deste festival tivo lugar a primeira hora da tarde de onte na Pousada de San Teotonio en Valença do Minho polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Câmara Municipal de Valença, Manuel Lopes, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que “este festival é o xerme de algo que se vai converter en moi importante nos próximos anos” engadindo que “vai marcar un antes e un despois no que é a produción de eventos na Eurocidade” e que definirá a futura axenda compartida entre os dous municipios. Salientou unha vez máis Enrique Cabaleiro o singular e único da programación conxunta de Tui e Valença.    

 Concluía o rexedor tudense destacando que “van ser tres días moi intensos de actividades na rúa, encamiñados a seguir promocionando a cultura en diversos ámbitos, e que tamén vai servir para pór en valor o rico e extenso patrimonio das dúas cidades, e vai atraer ás nosas localidades a moitas persoas o que vai ser positivo para o tecido comercial e de servizo de Valença e de Tui”.  

 Mentres o presidente da Câmara de Valença, Manuel Lopes, salientou a estreita vinculación entre os dous municipio afirmando que “non somos quen de nos identificar sen a nosa veciña de Tui, e viceversa”. Sinalou que esa unión foi a que propiciou este desafío de levar adiante un festival de rúa para público familiar e accesible.  Un evento que “vai aportar vivacidade aos noso comercio, industria e hostalería”.  

 Todos coincidiron en amosar o seu agradecemento o equipo que fixo posible levar adiante este evento.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosouse orgulllosa do traballo realizado nun festival pensando para as familias do que dicía “é o primeiro cativo da Eurocidade, estamos moi orgullosos”. Amosou o seu convencemento na boa acollida  que terá esta innovadora proposta.  

 O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou que este será un dos festivais que marcarán este verán cun novo formato, con interacción con público e ao aire libre.  Será dicía “un programa mixto no que a arte e a cultura percorrerán as dúas cidades” dirixido a público familiar.  

 O I Festival Internacional de Artes de Rúa está organizado conxuntamente pola Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui estando subvencionado polo programa UNICIDADE Interreg España-Portugal.  

 A Eurocidade acollerá dende o venres 23 ao domingo 25 quince espectáculos e 24 funcións con aforo limitado e para as que será preciso facer reserva previa de entrada, de forma gratuíta, en www.tui.gal ou en www.visitvalenca.com dende este mércores ás 12 h.  

 Teatro, música, maxia, malabares, clown, …, serán algunhas disciplinas das que o público poderá gozar na fin de semana na Eurocidade con A Gramola Gominola, Antón Coucheiro, Artenio Baruffi, BrassDass, Circo Chosco, Clown Enano, Comédias do Mimho, Daniel Gonçalves, Farra Fanfarra, Fredi&Cia, Mamá Cabra, O Pulpiño Viascón, Pajarito, Pedaçao Mau e Troula Animación.  

Programación 

VENRES, 23 DE XULLO 

Ás 15.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 60 persoas. 

Ás 16.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Arsenio Baruffi. Aforo 50 persoas 

Ás 17.30 h en Valença espectáculo itinerante Farra Fanfarra 

Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Fredi&Cia presenta “Circanelo”. Aforo 60 persoas. 

Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Antón Coucheiro presenta “Sonámbulo”.  Aforo 120 persoas. 

Ás 21.30 h no Paseo da Corredoira Farra Fanfarra. Aforo 120 persoas. 

Ás 22.00 h no Paseo Fluvial Mamá Cabra presenta “A fraga do meu avó”. Aforo 240 persoas. 

Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Arsenio Barafuti. Aforo 120 persoas. 

SÁBADO, 24 DE XULLO 

Ás 15.30 h en Valença espectáculo itinerante O Pulpiño Viascón con “Musicleta”. 

Ás 16.30 h na Praza do Concello Fredi&Cia con “Circanelo”. Aforo 60 persoas. 

Ás 17.30 h en Valença espectáculo itinerante BrassDass. 

Ás 18.30 h no Paseo da Corredoira en Tui O Pulpiño Viascón con “Musicleta”. Aforo 120 persoas. 

Ás 20.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Comedias do Minho con “Fim de tarde” Aforo 60 persoas. 

Ás 21.30 h no Paseo da Corredoira espectáculo itinerante BrassDass. 

Ás 22.00 h no Jardim Municipal de Valença Pedaço Mau en concerto. Aforo 200 persoas. 

Ás 23.00 h no Paseo Fluvial A Gramola Gominola con “Bravas. O Rexurdir da Luz”. Aforo 240 persoas. 

DOMINGO, 25 DE XULLO 

Ás 15.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 50 persoas 

Ás 16.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Troula Animación con “O estraño caso do dentista da rúa Brasova”. Aforo 60 persoas. 

Ás 17.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Daniel Gonçalves con “Heaven”. Aforo 50 persoas. 

Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Clown Enano. Aforo 60 persoas. 

Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Circo Chosco con “Forzu2”. Aforo 120 persoas. 

Ás 21.30 h na Praza do Concello Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 60 persoas. 

Ás 22.00 h no Paseo da Corredoira Troula Animación con “O estraño caso do dentista da rúa Brasova”.  Aforo 120 persoas. 

Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Clown Enano. Aforo 120 persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario