A DEPUTADA SOCIALISTA LETICIA GALLEGO DENUNCIA “O CAOS DA ATENCIÓN PRIMARIA EN TOMIÑO E NA COMARCA DO BAIXO MIÑO”
· O PSdeG-PSOE presenta novas iniciativas no Parlamento de Galicia para que se cubran as vacantes no cadro médico do Centro de Saúde de Tomiño e se reabra urxentemente o Consultorio de Goián, xa que isto fai que a saturación do Centro de Saúde de Goián sexa maior.
· Tamén reclama que se dote á comarca dunha ambulancia medicalizada.
Infogauda / Tomiño
A deputada socialista Leticia Gallego Sanromán estivo onte venres en Tomiño, acompañada por membros da Agrupación Socialista encabezados pola secretaria xeral Violeta de Santiago e a concelleira Mirta Misa, “para denunciar a caótica situación da Atención Primaria nesta localidade e na comarca do Baixo Miño”. Gallego anunciou que “o PSdeG-PSOE está a presentar iniciativas no Parlamento de Galicia para que se cubran as vacantes no cadro médico do Centro de Saúde e se reabra urxentemente o Consultorio de Goián. Ademais, volve reclamar a ambulancia medicalizada para o Baixo Miño”.
As/os socialistas denuncian que “dos 8 médicos que corresponden ao Centro de Saúde de Tomiño tan só están a pasar consulta 5 e non resulta extraordinario que, en ocasións puntuais, haxa só 4 ou 3, tendo en conta que o persoal desprázase para atender emerxencias ou visitar en domicilios”. “É unha vergoña a atención sanitaria que se está a prestar en Tomiño”, subliñou a deputada, “porque por culpa da Xunta de Galicia, as/os traballadoras/es do Centro de Saúde deben multiplicarse para sacar adiante o seu traballo e atender a toda a poboación”. Ademais, explicou que “hai problemas coas urxencias médicas, que se atenden dende o PAC de Tui e non existe o demandado servizo de ambulancia medicalizada do Baixo Miño”.
Ao respecto do Consultorio de Goián explicou que o malestar entre a veciñanza crece, ata o punto de que a Mancomunidade do Baixo Miño acordou solicitar unha xuntanza ao conselleiro de Sanidade, pero non obtivo contestación, “nun claro xesto de desprezo cunha cidadanía que demanda unha sanidade pública digna e de calidade”. Urxe reabrir o consultorio de Goián para non saturar máis o Centro de Saùde de Tomiño.
O PSdeG-PSOE denuncia que Galicia é a terceira peor comunidade autónoma de España en ratio de médicas/os por habitante (aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes cando a media española está en 480), segundo os datos do Consello Xeral de Colexios Médicos de España. Tamén somos a terceira peor comunidade en ratio de enfermeiras/os por paciente, con 5,4 por cada 1.000 habitantes (a media europea está en cerca de 8). O panorama complétase coa carencia de pediatras (apenas están cubertas o 90% das prazas) cando en Asturias supérase o 98%, segundo datos da Asociación Española de Pediatría.

Ningún comentario:
Publicar un comentario