26 de xul. de 2021

TOMIÑO

Pily Reñones agasalla ao Concello de Tomiño cunha copia da obra seleccionada na última edición dos Premios Goya de Fotografía Profesional   

A alcaldesa Sandra González agradeceu o agasallo e felicitou á artista polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller 

 

A fotógrafa Pily Reñones coa Sandra González, alcaldesa e membros do equipo de goberno municipal de Tomiño, no acto de entrega da fotografía nomeada na categoría de Gráfico Documental nos últimos Premios Goya de Fotografía Profesional e Vídeo.

Foto: C.T.
 

Infogauda / Tomiño

 A fotógrafa tomiñesa Pily Reñones foi recibida hoxe no Salón de Plenos do Concello de Tomiño pola alcaldesa Sandra González e parte do equipo de goberno. Nun emotivo acto a rexedora, acompañada por varios membros do seu equipo, agradeceu a xenerosidade da fotógrafa, que quixo agasallar ao Concello cunha copia oficial da obra nomeada na categoría de Gráfico Documental nos últimos Premios Goya de Fotografía Profesional e Vídeo.   

 Sandra González, agradeceu o agasallo e felicitou á fotógrafa polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller, “un tema co que estamos moi sensibilizados neste goberno”. Prometeu buscarlle un lugar moi especial, o mesmo que se fixo no ano 2019 con “Holanda”, retrato dunha ancián de Riós (Ourense), co que tamén obtivo un nomeamento aos premios de fotografía zaragozanos.  

 Fotógrafa especializada en vodas e actos sociais, cultiva unha rica faciana en fotos de autor, foto fixa para documentais e concertos, como os que fixo con Pablo Alborán, Fito, Hombres G, María do Ceu ou Herdeiros da Cruz.  

 A foto coa que logrou o seu segundo nomeamento aos Goya de Fotografía retrata a Virginia, unha muller de 92 anos, dunha parroquia de Ponteareas, avoa dunha amiga. Unha muller bella, vital e alegre que rexentou antigamente unha tenda de ultramarinos, da que garda innumerables lembranzas. Comentou a autora que a inspiración chegoulle cando viu á señora colocarse xunto a unha antiga pesa que aínda descansa enriba do mostrador. Pensou nese intre que a imaxe era “unha boa metáfora da vida; dos contrapesos, das penas e alegrías, do camiño,..., e dunha muller que finalmente sorrí”.  

 A fotógrafa quixo que o Concello tivera unha copia dese traballo tan importante para ela, “porque aquí todos os veciños e veciñas poden velo, na miña casa non”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario