15 de xul. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño adxudica obras por valor de 250.000 euros para a ampliación da área de preferencia peonil   

· A intervención alcanzará á rúa da Feira e ao parque do mesmo nome e vén a sumarse ás obras levadas a cabo na Praza do Seixo e rúas da contorna co fin de crear un espazo público para desfrute da cidadanía  



Infografías do proxecto de “Integración do Campo da Feira no espazo público peonil do núcleo do Seixo”

Fonte: Concello de Tomiño


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “Integración do Campo da Feira no espazo público peonil do núcleo do Seixo”.  

 A intervención, cun orzamento de 250.000 euros, tratará de dar continuidade á contorna da Praza do Seixo coas rúas Gondomar e da Feira e co Campo da Feira, coa ampliación da actual área de preferencia peonil.  

 Con este fin, na rúa da Feira, ampliarase a beirarrúa a 3,50m, dotándoa de arboredo e bancos, e ascendendo a mesma nun plano inclinado ata acadar cota co Campo da Feira, e tratándose a rúa Santa María de Oia como unha prolongación do parque.   

 "O obxectivo é priorizar a accesibilidade peonil no núcleo urbano e renovar a instalación de iluminación e mobiliario, acordes coas características da nova intervención", explica o concelleiro de Facenda, Planificación Estratéxica e Acción Urbana, Uxío Benítez.   

 O Campo da Feira é un parque urbano que se atopa moi preto da Praza do Seixo. A súa comunicación con esta dáse a través da rúa da Feira, que se atopa urbanizada con beirarrúas estreitas e de difícil accesibilidadade para oes peóns.   

 Por outra banda, o Campo da Feira atópase pechado cun muro de contención de granito sobre o que descansa unha balaustrada tamén de granito, que fan deste parque un espazo separado do núcleo do Seixo. Polo tanto, a finalidade das obras será crear un entronque coa rúa Gondomar seguro para os peóns, contribuíndo a unir a parte leste é oeste do núcleo. Ou dito doutro modo, achegar o Campo da Feira ao casco urbano, integrándoo no espazo público peonil da Praza do Seixo, e mellorar a súa accesibilidade e a súa integración; abrir máis o parque ao espazo urbano favorecendo a percepción deste, e integrando a rúa Santa María de Oia como unha parte máis do espazo público de esparcemento, incrementando a mobilidade e a seguridade peonil.   

 A intervención, que comezará en breve, vén a sumarse ás obras levadas a cabo na Praza do Seixo, rúas A Guarda, O Rosal, Colón, Camiño do Alivio e República Arxentina, co fin de crear un novo espazo público para desfrute da cidadanía, e complementado coa construción da nova avenida Baixo Miño, que logrou desviar o tránsito pesado e reducir o paso de coches polo casco urbano. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario