21 de xul. de 2021

O ROSAL

O Rosal denuncia a imposibilidade de pedir cita médica, un novo paso no desmantelamento do servizo de Atención Primaria  

A falta de substitucións de persoal bloquea dúas axendas e só é posible acudir ao médico por urxencias  

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal reclama que se recupere a atención presencial e recolleu máis de 1.100 sinaturas para pedir que se acabe con esta situación de precariedade  

 

Recollida de sinaturas na concentración celebrada o pasado 8 de xullo
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa a denunciar "novos pasos que afondan na precariedade que está a sufrir o servizo de Atención Primaria no municipio, que sufre un progresivo desmantelamento dende hai tempo agravado dende o inicio da actual situación sanitaria." A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública asegura que "nestes intres é imposible pedir cita médica para acudir ao centro de saúde rosaleiro, xa que Sergas e Xunta non están a substituír ao persoal de baixa ou de vacacións, o que obriga a bloquear dúas axendas médicas, a non dar novas citas e a que os rosaleiros e rosaleiras soamente podan acudir ao médico por urxencias." 

 Dende a Plataforma "esíxese ademais que se regrese á atención presencial das e dos pacientes, xa que a actual situación de atención telefónica prioritaria sen reforzo do persoal sanitario está a causar grandes prexuízos tanto ás e aos profesionais como á veciñanza."  

 Para tentar frear o desmantelamento do servizo de Atención Primaria, a Plataforma puxo en marcha unha serie de accións de denuncia, como informar diariamente aos rosaleiros e rosaleiras do persoal sanitario do que dispón o centro de saúde, que reflicte cada día a precariedade do servizo. Ademais, "nas últimas semanas a Plataforma recolleu xa máis de 1.100 sinaturas pedindo que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do Sergas."  

Ningún comentario:

Publicar un comentario