10 de xul. de 2021

O ROSAL

O Concello remata o proxecto de mellora de abastecemento de auga no Rosal  

· Con estas obras complétase a infraestrutura dende o depósito situado na Costeira ata o Campo da Feira, ampliando o caudal 


A alcaldesa visitou ás zonas onde tiveron lugar as obras do proxecto de mellora de abastecemento de auga no Rosal

Fotos: C.O.R.
   

Infogauda / O Rosal

 O Concello vén de rematar o proxecto de mellora de abastecemento de auga no Rosal, unhas obras que comezaron o pasado mes de abril e que tiñan por obxecto “mellorar as infraestruturas, optimizar as conexións e garantir o subministro á veciñanza. Desde o equipo de goberno municipal presidido pola alcaldesa Ánxela Fernández Callís, comunican á cidadanía que “con estas obras, desenvolvidas ao abeiro do Plan concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e cun investimento total de 39.000 euros, complétase a infraestrutura que vai dende o depósito da Costeira ata o Campo da Feira, mellorando a conexión de rede existente e permitindo aumentar o caudal de auga. 

 Cambiáronse pezas interiores da rede de conexión na arqueta do Campo da Feira para aumentar o diámetro da tubaxe de 125 a 200 mm e, ao mesmo tempo, o caudal e a capacidade hidráulica, deixando saneada completamente toda a infraestrutura desta zona”. 




 Por outra banda, “o proxecto incluíu tamén a implementación de melloras na conexión de rede existente no Camiño da Buraca e que vai ata a Subida a Martín, completando a canalización de 180 mm que aínda non estaba renovada e repoñendo tamén os pavimentos neste tramo. Ademais, a execución de elementos de manobra necesarios nesta rede permiten dende agora a regulación mediante válvulas dos diferentes fluxos de auga, permitindo cortes sectoriais no caso de que sexa necesario. O tamaño das arquetas permitirá ademais manter esta infraestrutura nas condicións axeitadas” . 

 “Dende o Concello continuamos apostando pola mellora paulatina das infraestruturas do Rosal de xeito sostible, o que repercute directamente na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario