O delegado do Goberno destaca que os proxectos en marcha no Concello de Tui suman 1,5 millóns de euros
José Miñones subliña en Tui a aposta do Goberno por dinamizar os concellos galegos con investimentos e políticas para abordar o reto demográfico
· O delegado do Goberno avanza unha nova actuación na estrada N-551 con 500.000 euros para humanizar a entrada en España do Camiño Portugués
· O Executivo desenvolve proxectos no museo catedralicio de Tui, impulsa o plan de rehabilitación de vivendas e pon en valor o Cárcere Vello
· Tras visitar Tui, José Miñones estivo en Tomiño onde reafirmou o seu interese polo municipalismo galego
Foto: S. de G.
Infogauda / Tui
O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, subliñou hoxe en Tui a aposta do Executivo por dinamizar os concellos galegos con investimentos e políticas para abordar o reto demográfico. Expresouse así ante os medios de comunicación tras reunirse co alcalde, Enrique Cabaleiro, e acompañado pola subdelegada provincial, Maica Larriba.
José Miñones destacou o interese do Goberno por Tui, que se traduce en proxectos que suman 1,5 millóns de euros. En concreto, avanzou unha nova actuación na estrada N-551 con 500.000 euros para humanizar a entrada en España do Camiño Portugués.
Citou outras iniciativas en marcha que desenvolve o Executivo, como a vinculada ao museo catedralicio de Tui, o plan de rehabilitación de vivendas no casco histórico ou a posta en valor do Cárcere Vello, que está enmarcada no Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22.
Os traballos na N-551 xa teñen a aprobación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, polo que para sacalo a licitación o antes posible son necesarios os informes sectoriais do Concello e a Xunta.
No que respecta ao museo catedralicio de Tui, trátase dunha actuación vinculada ao 1,5% Cultural do memo Ministerio. Este aportou 440.000 euros á intervención plantexada polo titular do conxunto, ata un orzamento total de 586.000 euros.
En canto ao plan de vivenda, o investimento ascende no casco histórico da localidade a 48.400 euros. O orzamento para a recuperación do Cárcere Vello ascende a 330.000 euros.
O delegado do Goberno destacou que na xuntanza co rexidor tamén abordou o Plan de Reto Demográfico do Goberno, que “busca levar aos concellos servizos esenciais que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza”, rematou.
VISITA A TOMIÑO
Tras visitar Tui, José Manuel Miñones estivo en Tomiño onde reafirmou o seu interese polo municipalismo galego. Alí estivo coa alcaldesa, Sandra González e con Fernando Nogueira, presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, e coñeceu de primeira man o proxecto do Parque da Amizade, unha iniciativa transfronteiriza con Vila Nova de Cerveira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario